A Xunta destaca o labor de Previsel no fomento da prevención e a seguridade laboral

Marisol Díaz Mouteira en Previsel
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá no acto de clausura da décimo primeira edición de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral. Na súa intervención, Díaz Mouteira subliñou que a loita contra a siniestralidade laboral é unha tarefa colectiva que ten o obxectivo de concienciar á poboación traballadora sobre a importancia da mesma para impulsar así unha auténtica cultura da prevención.
Segundo indicou a delegada territorial “entre todos estamos a conseguir que a prevención sexa unha prioridade empresarial xa que achega beneficios económicos en termos de incremento de produtividade, competitividade e sustentabilidade, ademais dunha diminución de custos sociais e sanitarios”.
Marisol Díaz destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa prevención de riscos laborais e subliñou a súa colaboración con este salón. Así, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) participou en Previsel cun stand informativo e con dous seminarios de prevención no sector primario.
Esta edición de Previsel tamén contou coa participación do grupo operativo de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) co obxectivo de dar a coñecer estas novas tecnoloxías aplicadas á seguridade, ao control de riscos e ás emerxencias. Ademais, acolleu unha charla informativa sobre as actuacións que está a levar a cabo a Dirección xeral de Emerxencias e a Academia Galega de Seguridade pública para mellorar a cualificación do persoal integrado de protección civil e emerxencias.











