A Xunta destaca a posta en valor da produción primaria para acadar o recoñecemento do mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
As conselleiras de Medio Rural e do Mar no salón de Alimentaria

As conselleiras de Medio Rural e do Mar no salón de Alimentaria

A transformación e posta en valor dos produtos agroalimentarios ten recompensa. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no acto de presentación do queixo da SAT Don Crisanto, que foi galardoado como ‘mellor queixo madurado de vaca no 2015’ no marco do Salón Alimentaria que se celebra en Barcelona.

A titular de Medio Rural, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, sinalou que este premio ven reforzar o crecente labor que se está a realizar en Galicia neste eido. Así, lembrou, este ano foi o que máis empresas presentaron a solicitude para axudas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

A Xunta destina neste exercicio un total de 14,3 millóns de euros a esta finalidade. Trátase de incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. As actuacións subvencionables son, por exemplo, a construción, adquisición e mellora de bens inmobles –agás a compra de terreos–, así como a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

A conselleira e a directora xeral están a apoiar coa súa presenza en Alimentaria a promoción dos produtos agroalimentarios galegos neste certame. En total, son preto de 70 as empresas do agro galego que participan nesta feira, de sectores como a produción de leite, queixos, carne de vacún, coello, ovos, castaña, pataca, croquetas, pan, empanadas ou sobremesas. A participación das consellerías do Medio Rural e do Mar nesta feira supón unha achega de máis de 547.000 euros.

Carácter innovador

Por outra banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o carácter innovador de Alimentaria e definiu esta feira como un escaparate que brinda unha grande oportunidade de engadir valor aos produtos do noso mar e para difundir a excelencia e calidade do peixe e do marisco de Galicia a nivel internacional. Ademais, dixo, a especialización desta feira facilita o intercambio de experiencias con outros países sobre novas tendencias e retos de mercado no mundo do mar.

Neste sentido, subliñou a importancia de estar presentes en feiras como Alimentaria e de aproveitar as oportunidades que ofrece para axudar a difundir a imaxe dos nosos produtos e mellorar a súa comercialización. De aí que a asistencia a feiras deste tipo sexa unha das liñas de acción da Consellería do Mar para difundir os produtos galegos en novos mercados.

Rosa Quintana estará apoiando ás empresas galegas do mundo do mar nesta feira hoxe e mañá, día no que estará acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro. Neste evento, o departamento que dirixe Rosa Quintana está presente na área Expoconser, situada dentro do novo salón denominado Multiple Foods, cun posto institucional de 440 m² de zona expositiva e dividido en dúas illas. Este posto alberga a 26 empresas e entidades galegas coexpositoras do sector pertencentes ás áreas da pesca, conxelado e conserva.

25 de abril de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.