publicidade hoxe

A Xunta destaca a aposta da empresa Galman pola competitividade para consolidar o seu crecemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontedeume
A-
A+

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou o compromiso de Gallega de Manutención (Galman) coa mellora da competitividade como garantía para consolidar o seu crecemento durante os últimos anos. Durante a súa visita a empresa, subliñou a aposta da compañía localizada en Pontedeume polo programa ReAcciona para mellorar a organización loxística e avanzar na profesionalización dos seus procesos de produción.

Especializada en carretillas elevadoras e grúas ponte, nos últimos 15 anos multiplicou por cinco o seu cadro de persoal, pasando de 8 a máis de 40 persoas, e superou a súa actividade como distribuidora de empresas do País Vasco para converterse en fabricante, con marca propia, de grúas ponte para interiores. Por outra banda, ampliou as súas instalacións dos 500 metros iniciais a máis de 5.000 metros, logo de abrir delegacións en Lugo e Vigo.

Galman participou, xunto con outras catro pemes, no proxecto Sherpa, apoiado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e os fondos europeos FEDER para desenvolver unha plataforma móbil autónoma para realizar operacións loxísticas de entrada e saída en almacéns, un ámbito que está a impulsar a Xunta a través da Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0. A empresa participou tamén en varios proxectos innovadores en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), que vén de adxudicarlle outro proxecto para automatizar un conxunto de máquinas nun consorcio de fabricantes de equipos de automoción.

Durante a súa visita ás instalacións de Galman, Aguilera recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activado este programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para procurar que as pemes conten cos apoios que precisen, á medida dos seus proxectos para investir, crear emprego ou acceder a novos mercados internacionais.

Neste sentido, salientou que as empresas galegas poden acceder a capital risco, préstamos directos, préstamos participativos ou préstamos bancarios bonificados ou avalados polo Igape, así como as axudas para cubrir ata o 35% dos seus investimentos, a partir de 50.000 euros, en novos equipamentos ou proxectos intensivos en creación de emprego.

8 de abril de 2016 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.