publicidade hoxe

A Xunta dedica 850.000 euros á mellora das estradas autonómicas 611 e 621 ao seu paso por Taboada, O Saviñao e Baralla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarallaLugoO SaviñaoTaboada
A-
A+

A Xunta de Galicia investirá 850.000 euros na execución de obras de mellora en varios tramos das estradas LU-611 e LU-621 ao seu paso polos concellos de Taboada, O Saviñao e Baralla.

Para coñecer polo miúdo os traballos que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa sacou a licitación, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou, xunto cos rexidores de Taboada e O Saviñao, Ramiro Moure e Joaquín González respectivamente, o tramo no que está previsto actuar na estrada LU-611.

Os labores a acometer realizaranse entre os puntos quilométricos 20+300 e 30+000, o que permitirá, segundo salientou Arias, “dar continuidade a obra realizada o pasado ano entre os puntos 30 e 36 e na que a Xunta xa investiu preto de 350.000 euros”.

A actuación, ademais da rehabilitación do firme mediante a extensión dunha nova capa de rodadura, suporá, a grandes rasgos, a colocación de 2,3 quilómetros de barreiras de seguridade, así como a execución de 230 metros de cunetas de seguridade e a renovación de parte da sinalización vertical. Uns traballos cuxo custe superará os 692.000 euros.

A delegada explicou que a Xunta está a realizar un importante esforzo inversor para acondicionar e manter en perfecto estado de uso a rede de estradas de titularidade autonómica “co fin de garantir aos veciños dos concellos afectados polas actuacións, así como aos demais usuarios destas vías, unhas conexións axeitadas, ademais de minimizar os sinistros derivados do mal estado do firme”.

Neste senso salientou a “relevancia” que a mellora desta estrada supón para os dous municipios do sur lucense por ser “fundamental” para a súa conexión.

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) tamén sacou a licitación, por importe de 156.000 euros, obras de mellora na estrada LU-621 ao seu paso polo concello de Baralla que, ao igual que na LU-611, terán un prazo de execución de seis meses.

Neste caso, a Xunta actuará entre os quilómetros 19+000 (travesía de Pousada) e o 21+658 (final da estrada, na intersección coa N-VI) e as melloras, ademais da rehabilitación do firme, incluirán a dotación de 130 metros de cunetas de seguridade.

12 de abril de 2016 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.