A Xunta dá conta dos avances para aprobación da Lei da Área Metropolitana de Vigo
O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos, deu conta hoxe no Parlamento de Galicia dos avances levados a cabo nos últimos meses para a reforma da Lei da Área metropolitana de Vigo.
Pazos destacou o acordo definitivo obtido entre a Xunta e os concellos o 22 de febreiro, no que asinou un acta na que se establecen as condicións para que se produza a aprobación da modificación da lei no seno do Consello da Xunta. Estas condicións son, por unha banda, a aprobación do texto da lei nos respectivos órganos de goberno municipais e por outra, que o Concello de Vigo incorpore ao plan de transporte metropolitano, sen incremento de achegas económicas nin para Xunta de Galicia nin para os outros concellos, e sen limitacións do número de persoas usuarias.
Durante a súa comparecencia, o director xeral informou de que a pasada semana os concellos de Vigo e Cangas do Morrazo, aprobaron o texto e onte mesmo se aprobaba en Baiona e Gondomar, e nas datas sucesivas esperamos sexa ratificado polos demais concellos metropolitanos.
Paralelamente, estase a realizar a tramitación previa á aprobación do anteproxecto polo Consello de goberno da Xunta de Galicia, recabando os informes pertinentes.
A Xunta de Galicia está a seguir todos os trámites precisos e actualmente o texto atópase a disposición dos cidadáns para o seu coñecemento e suxestións a través da web http://transparencia.xunta.gal/.
Pazos subliñou a vontade de consenso de todos os interlocutores que participaron na súa elaboración ao longo destes meses e que deberá someterse á consideración da cámara para a súa aprobación definitiva.
Por último o director xeral destacou que os concellos de Baiona, Cangas do Morrazo, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo, teñen depositadas moitas esperanzas na aprobación desta iniciativa legal e na definitiva posta en marcha da Área metropolitana de Vigo.











