A Tarxeta Benvida beneficiará a pais e nais cunha axuda de 1.200 euros anuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para informar das políticas sociais que en favor da natalidade está a adoptar a Xunta de Galicia no ámbito de Vigo e a súa área.

Coma explicou López-Chaves, o Goberno galego presentou coma novidade para este ano, e dentro do Programa de Apoio á Natalidade, a nova Tarxeta Benvida, unha medida en pro da demografía galega para axudar a pais e nais de nenos e nenas nacidos en Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2016 que xa está a obter resposta da sociedade.

O delegado informou que, segundo os datos do IGE e do INE, “Vigo conta cun problema de diminución de nacementos”. segundo as cifras oficiais, no ano 2008 naceron na cidade 2.856 nenos e nenas mentres que no ano 2014, o dato reduciuse ata os 2.383 bebés. “Cada vez nacen menos vigueses e viguesas na nosa cidade”, considerou López-Chaves, sinalando a continuación que o obxectivo da política social da Xunta de Galicia é investir a tendencia negativa axudando aos pais e nais cun “apoio directo” que supón unha axuda económica directa de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do cativo ou, o que é o mesmo, 1.200 euros anuais.

“En Vigo hai unha situación preocupante”, dixo o delegado cos datos na man e sinalando que o Goberno galego “é o que adopta medidas” tendo en conta “a alteración da tendencia natural de crecemento vexetativo” que se está a producir. “O obxectivo da Xunta é cumprir esa función de política social ante unha situación de descenso de poboación”, matizou.

O delegado informou e animou así á cidadanía a solicitar a Tarxeta Benvida xa que ten coma obxectivo contribuír a sufragar os gastos básicos do nacemento dun neno ou nena. Coma lembrou, teñen dereito a ela aquelas familias que acrediten a través da súa última declaración en Facenda que a renda da unidade familiar non supera os 45.000 euros; e nos casos en que si se supera esta cantidade, cando a renda per cápita non sexa superior aos 13.500 euros. O prazo de presentación das solicitudes é de 2 meses contados dende o día seguinte a aquel en que se produza o nacemento ou se constitúa unha adopción. A Xunta resolverá cada unha destas solicitudes nun prazo máximo de 3 meses contados dende o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro.

Así, coma especificou López-Chaves, a previsión do Goberno galego é que un mínimo de 8 de cada 10 familias galegas estean en disposición de recibir esta tarxeta moedeiro, o que supón máis do 80% dos fogares galegos ou, coma matizou o delegado, “máis do 80% dos fogares vigueses”. Para isto, a Xunta habilitou un financiamento plurianual de 18 millóns de euros que xa está a utilizarse.

De feito, máis dun milleiro de familias galegas xa están a usar a tarxeta para comprar alimentos, produtos de hixiene e produtos farmacéuticos para os seus bebés. Ademais, as solicitudes presentadas en toda Galicia xa superan a cifra de 2.500. Neste senso, o delegado especificou que, segundo os últimos datos de nacementos en Vigo do INE –e a falta de ter os resultados territorializados-, “poderíase calcular que uns 1.800 ou 1.900 nenos ou nenas vigueses poderían ser beneficiados”.

Autobús ao aeroporto

Na súa rolda de prensa, López-Chaves contestou tamén ás últimas declaracións feitas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, sobre a solicitude dun autobús ao aeroporto.

O delegado deixou claro que a Xunta de Galicia está a esperar contestación do goberno local ao respecto dende o 25 de febreiro cando, dende a Dirección Xeral de Mobilidade, remitiuse unha carta ao Concello de Vigo pedindo unha reunión co fin de avanzar e impulsar a conectividade do servizo do transporte urbano co aeroporto. “Non podemos facer nada se pedimos unha reunión dende hai case un mes e medio e non contestaron”, dixo o delegado, considerando que “está a buscar unha nova fonte de conflito” co que son “as súas obrigas e responsabilidades do transporte municipal”, matizou.

6 de abril de 2016 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.