publicidade hoxe

A Sociedade Galega de Historia Natural remite ao TSXG os papeis de Corcoesto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) remitiu ao presidente da sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) os que denomina como “papeis de Corcoesto”, que, segundo denuncia, “revelan as liñas torcidas coas que a Xunta escribiu a tramitación ambiental do proxecto da mina de ouro”.

Este colectivo asegura que “de existir unha actuación absolutamente arbitraria, inxustificada e, que dende logo, rompe o principio de non discriminación e igualdade de todos ante a lei”, como afirma Mineira de Corcoesto (filial da canadense Edgewater) no recurso contencioso-administrativo que formulou, “non sería unha discriminación contra a devandita empresa senón ao contrario, un claro trato de favor”.

A documentación que trasladou a SGHN é a que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza facilitoulle “con 21 meses de atraso sobre o prazo legal que tiña para facelo”, o 9 de febreiro do ano pasado.

Trátase dunha copia de todos os informes elaborados por esta Dirección Xeral e o Servizo de Conservación da Natureza (A Coruña) a petición da Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental en relación co proxecto mineiro.

Do análise desa información, a sociedade afirma que se extrae que un “suposto informe complementario” elaborado non engadiu “nada”, senón que “del desaparecen afeccións ambientais subliñadas no primeiro informe e minimízanse outras”.

AFECCIÓNS AO RÍO ANLLÓNS E AO REGO LOURIDO

Ao respecto, denuncia que “se pasa de afirmar que ‘o proxecto afecta ao LIC Río Anllóns, xa que todas as augas verquen neste río’ a dicir que ‘o proxecto se desenvolve fóra do ámbito do espazo natural protexido”.

“A afirmación de que as actividades mineiras proxectadas ‘constitúen riscos evidentes de producir danos de moi difícil reparación no LIC Río Anllons e o LIC Costa da Morte e nos valores ambientais da bisbarra’, que aparecía resaltada con cursiva e subryado no primeiro informa, suavízase en que ‘sempre existen riscos de accidentes que poden ter notables repercusións no medio natural”, critica.

Ademais, censura que “se minimiza” o feito de que no tramo duns 2.700 metros do Rego Lourido que se pretendía desviar “existen especies do hábitat de interese comunitario”, ao apuntar que “non son formacións moi representativas e que ten vexetación de ribeira escasa e pouco representativa”.

“Curiosamente -engade o colectivo-, o informe complementario, despois de afirmar que o Rego Lourido non ten fauna piscícola, mantén a medida complementaria de ‘construción de frezaderos axeitados para as especies inventariadas nos ríos da zona”‘.

O informe complementario admite, segundo a SGHN, que “haberá unha destrución dun hábitat de conservación prioritaria na UE”, pero confórmase con indicar que o plan de restauración deberá contemplar medidas compensatorias”, no que entende como unha “flagrante violación” da directiva sobre conservación de hábitats naturais e da lei de patrimonio natural.

A maiores, indica que del “desaparece” a obxección do primeiro informe de que “na balsa de lamas de lixiviación non se estima a vida útil do encapsulamiento planificado, nin se prevé un plan de seguimento e vixilancia desta”, unha recomendación de estudio de riscos ambientais e a constitución de garantías fronte a posibles danos e subscribir unha póliza de seguro ambiental axeitada.

APUNTA Á SECRETARÍA XERAL

“En contra das demandas unánimes e reiteradas dos técnicos e os máximos dirixentes de Conservación da Natureza, a Secretaría Xeral non inclúe dúas condicións ambientais decisivas na Declaración de Impacto Ambiental positiva para a mina”, segundo a Sociedade Galega de Historia Natural.

En concreto, apunta á obriga de instalar medidores automáticos dos parámetros fundamentais da calidade das augas en todos os puntos de verteduras e a necesidade de que o estudio de impacto ambiental se complete cunha análise específica dos riscos de contaminación accidental, con base nas experiencias acumuladas noutras explotacións semellantes.

QUE DESESTIME AS DEMANDAS DA EMPRESA

Por todo iso, o colectivo solicitou o TSXG que admita a devandita documentación ambiental e que desestime “totalmente” as demandas que formulou a empresa.

En consecuencia, reclama que non se anule a resolución que denegou o proxecto, que non o dea por aprobado por silencio administrativo positivo, que non condene á Xunta a aprobalo e que non declare conculcada a doutrina de actos propios e da confianza lexítima, polo que non sexa preciso pagar indemnización á compañía.

En suma, a Sociedade Galega de Historia Natural pretende que a xustiza condene a Mineira de Corcoesto, S.L.U. ao pagamento das costas procesuais.

26 de abril de 2016 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.