A obra ‘A forma das cousas’ chega a Santiago tras a súa grande acollida na Coruña
A obra de humor negro ‘A forma das cousas’ chega esta fin de semana a Santiago (sábado á 20,30 e domingo ás 18,00 no Salón Teatro) logo da súa grande acollida na Coruña e Rianxo, onde tiveron unha “resposta espectacular” do público, segundo destaca Sara Casasnovas, unha das protagonistas da obra.
Carlos Álvarez-Ossorio dirixe esta adaptación da obra do dramaturgo, guionista e director de cinema estadounidense Neil LaBute, que interpretan Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado. Ademais, conta coa música en directo de Pablo Seoane o piano.
En rolda de prensa en Santiago, o equipo da obra presentou a primeira montaxe teatral realizada pola produtora La Yogurtera, que Borja Fernández define como unha “broma morbosa” sobre “ata onde se pode chegar” e cales son os “límites” do ser humano, onde o texto de Neil LaBute traballa os “personaxes ao extremo”.
Tras unha residencia en Rianxo e a estrea no Teatro Colón da Coruña, a representación chega a Santiago no seu quinto bolo –logo de paso este xoves por Ourense–, nunha produción que aínda “está chequeando que ‘feedback’ (retroalimentación co público) hai” para facer cambios a medida que evoluciona, segundo explica Borja Fernández. Un aspecto sobre o que incide Casasnovas, pois “a obra está viva” e se producen modificacións “en función de como se recibe”.
Pola súa banda, a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, enxalzou o “equipazo” da primeira posta en escena de La Yogurtera, ao tempo que valorou a elección dun texto contemporáneo que “sempre implica un risco”, pero do que destaca un resultado “moi interesante”.
As entradas están á venda na plataforma ‘online’ de Abanca por 10 euros –ademais dos descontos correspondentes– e o día de función pódense comprar dende dúas horas antes nas taquilla do Salón Teatro.
AMOR E ARTE CON CATRO PERSONAXES
Borja Fernández sinalou que a obra reflexiona sobre “ata onde se pode chegar en nome do amor” e “da arte”. El representa a Adán, un novo “postuniversitario” que “non tivo moita sorte” na vida”, que “se namora perdidamente” de Evelyn (Sara Casasnovas), o que se converte “no detonante” da obra.
Así, Sara Casanovas referiuse ao seu personaxe, Evelyn, como alguén que “cruza a liña unha e outra vez”. “Estamos moi habituados dende o Pigmalión a ver como un home toma a súa musa e se inspira a través dela, neste caso a historia é á inversa, unha muller que malea e malea a un home”, explicou.
O cuarteto de personaxes complétano dous amigos de Adán, Fili (Machi Salgado) e Jenny (Victoria Pérez). Machi Salgado apuntou que Fili “é a imaxe ideal” de Adán, mentres que Victoria Pérez define a Jenny como un personaxe “máis tradicional e conservador”. Unha parella á que tamén cambia a vida coa chegada de Evelyn.
Todo iso presenta a relación entre catro personaxes influídos polas aparencias e a necesidade de encaixar nunha sociedade que prima o superfluo, a través do humor e a ironía.
PRIMEIRA PRODUCIÓN DA YOGURTERA
Así mesmo, a produtora d’A forma das cousas’, Marta Horjales, referiuse ao que supón esta primeira obra para La Yogurtera, cun traballo “bastante complicado” ante a falta “dun tecido consolidado” en Galicia, cunha primeira produción “na que se aprende moito”.
A obra conta cunha axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Horjales recoñece que se non fose así “sería bastante complicado de poñer en pé” a representación.
Dende fai case un década Horjales, que é enxeñeira industrial, enfocou a súa carreira ao sector cultural, e ve similitudes cos seus estudios á hora de poñer en marcha unha “minifábrica” como é unha produción teatral.
“Estou contenta, é un traballo duro, pero ninguén dixo que fose doado”, afirmou, antes de poñer en valor “a boa conexión” con todo o equipo.











