A Garda Civil investiga a 8 persoas por agredir ao asasino de Lupe Jiménez
A Garda Civil abriu unha investigación sobre 8 persoas, unha delas menor de idade, en relación a senllos delitos de alteración da orde pública e, a unha delas tamén por suposto delito de lesións, despois de que nunha xornada do xuízo polo asasinato de Lupe Jiménez tentasen agredir ao acusado.
Segundo confirmou o Instituto Armado, trátase de sete mulleres e un home, todos eles familiares da vítima, que están a ser investigados por alterar a orde da sala, cando tentaron agredir ao home, que chegou a ser golpeado na cabeza cunha botella de cristal.
O incidente produciuse mentres se estaba tomando testemuño aos axentes que participaron na investigación deste caso. Os funcionarios trataban de facer unha conexión por videoconferencia cando na sala alguén deu un forte berro e saltaron dos seus asentos tres mulleres que se abalanzaron sobre José Luís Cortiñas, autor confeso do asasinato.
Na sala de vistas atopábanse nese momento 6 policías nacionais e 30 familiares de Lupe Jiménez, que formaron un gran tumulto ao redor do procesado. Inmediatamente, numerosos axentes da Garda Civil e da Policía Nacional que se atopaban no exterior do Pazo de Xustiza acudiron para intervir en reforzo dos seus compañeiros.
Por mor destes feitos, as maxistradas da Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra chegaron a ter que suspender o xuízo, que continuou a porta pechada. Os axentes identificaron naquel momento a tres mulleres, unha delas irmá de Lupe Jiménez, por ser as que atacaron no primeiro momento ao procesado.
En total, tal e como trasladou a Garda Civil este xoves, hai oito persoas investigadas por estes feitos, polos que o Xulgado de Instrución número un de Pontevedra abriu dilixencias.











