A Fundación Érguete-Integración presenta os programas de inclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A presidenta da Fundación Érguete- Integración, Carmen Avendaño, e a coordinadora da entidade, Ana M. Álvarez, presentaron hoxe na Deputación os programas e servizos de inclusión social que realizan na cidade da Coruña, onde contan cunha sede situada no Barrio das Flores.

Durante unha reunión co presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, as representantes de Érguete, que conta con 30 anos de experiencia no desenvolvemento de programas sociais en Vigo e A Coruña, presentaron algunhas das iniciativas que levan a cabo destinadas á integración sociolaboral de persoas en situación de exclusión social en lugares como o Centro de Inserción Social (CIS) da Coruña, onde traballan na reinserción de reclusos en réximes abertos ou de semiliberdade, como o terceiro grao.

Segundo se recolle na Memoria Anual da entidade, en 2014 prestaron atención a 1.930 persoas a través dos seus distintos programas, das que preto de 200 lograron a inserción no mercado laboral.

Avendaño destacou a importancia que ten a implicación de administracións e empresas nestes programas, especialmente á hora de facilitar oportunidades laborais para que estas persoas volvan formar parte activa da sociedade.

Pola súa banda, o presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou “a longa traxectoria que avala o traballo da entidade e a gran labor social que desenvolve” e ofreceu a colaboración da Deputación a través das liñas de subvencións a entidades sociais que se convocan anualmente.
Neste sentido, cabe destacar que o goberno provincial incrementou nun 8% a partida orzamentaria destinada a Acción Social en 2016 para o fomento de programas destinados aos concellos e entidades da provincia.

4 de abril de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.