A Fiscalía ve práctica abusiva de Gas Natural no cobro a clientes
A Fiscalía alegou “práctica abusiva e ilegal” por parte de Gas Natural nos cobros a algúns clientes, por consumos de máis dun ano de antigüidade respecto da data de emisión da factura, no xuízo verbal celebrado contra esta empresa.
A vista tivo lugar este luns no Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña, tras o establecemento de medidas cautelares o pasado mes de marzo, en relación ao procedemento instado pola Fiscalía Provincial da Coruña contra Gas Natural por posibles cobros abusivos a clientes.
O Ministerio Público presentou a demanda colectiva tras as denuncias de asociacións de consumidores. No seu escrito, alega que a empresa incorreu “nunha demora na facturación superior á establecida na regulación sectorial”.
A Fiscalía pediu que se prohiba” á empresa que faga refacturacións de máis dun ano e pide que, en caso de falta de pagamento destas facturas complementarias, non se poida proceder a un corte de subministración nin á posible inclusión dos clientes nunha lista de morosos.
A demanda colectiva é presentada contra Gas Natural Sur, a empresa comercializadora de Gas Natural Fenosa, que presentou facturas “que nalgúns casos mesmo superaban os 3.000 euros” e fíxoo “fóra do prazo legal”, segundo apunta o fiscal.
Así, considera que se trata dunha “conduta non só irregular senón tamén abusiva” que “vulnera dereitos dos consumidores”.
Tamén sostén que a empresa “foi sancionada reiteradamente” por parte do Instituto Galego de Consumo, pero que “persistiu en facturar cun atraso superior ao prazo dun ano legalmente establecido”.
Segundo indicou o fiscal, a norma permite un período dun ano para corrixir “erros administrativos”, como podería ser unha “falta de lectura por causas non imputables ao cliente”, pero afirma que Gas Natural Fenosa cobrou estas cantidades pasado ese tempo.
ARGUMENTO DA EMPRESA
“Presentouse a demanda e observouse que a empresa demandada persistía nesta conduta. Agora di que en xaneiro deste ano deixou de facelo”, sinalou o fiscal.
Fronte a isto, o avogado que representa á empresa defendeu que a lei non fixa un prazo para que o distribuidor (Gas Natural) faga chegar a lectura ao comercializador (Gas Natural S.U.R) e que o atraso non é imputable a este último.
Sostén que a demanda contén un erro cando contabiliza o ano até a data de emisión da factura, pois debe ser até o descubrimento do erro.
Así, entende que non existen as facturas ás que alude o fiscal e opina que coa demanda o fiscal pretende “introducir prazos onde a lei non os establece” e “establecer obrigacións a Gas Natural Sur (comercializador) cando a lei llos pon aos distribuidores”.
Durante a súa intervención, o letrado incidiu en que “cando houbo un erro, recoñeceuse e devolveuse o diñeiro ao usuario” e dixo que nunca se facturou nada por encima da realidade”.











