A Evega organiza en Monforte de Lemos un taller práctico sobre os defectos do viño
O Centro do Viño Ribeira Sacra de Monforte de Lemos (Lugo) acollerá mañá un taller práctico sobre os defectos do viño organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).
Neste obradoiro os asistentes poderán coñecer o proceso fisiolóxico da cata, as moléculas responsables dos defectos máis comúns dos viños, a súa orixe e os mecanismos de aparición.
Así mesmo, os participantes aprenderán tamén a detectar o limiar de percepción de cada defecto, estudar o comportamento dos viños fronte aos defectos, memorizar os máis comúns nos viños e coñecer a súa prevención e/ou eliminación.
Este taller está dirixido principalmente aos paneis de cata dos consellos reguladores das denominacións de orixe dos viños galegos, enólogos e sumilleres, cun total de 40 prazas limitadas.