A Deputación de Pontevedra impulsa as axudas para o sector agropecuario e pesqueiro da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe o impulso as axudas para o sector agropecuario e pesqueiro da provincia coa posta en marcha de dúas liñas de axudas para as asociacións e confrarías de pescadores e para as cooperativas agrarias.

Estas dúas liñas de axudas, dotadas cada unha de elas, con douscentos mil euros foron negociadas cos propios interesados que mostraron o seu interese porque a Deputación fixara entre os seus obxectivos aos sectores pesqueiros e agro-gandeiros da provincia.

Carmela Silva recordou que ambas liñas de axudas incluíronse na modificación de crédito aprobada polo pleno da corporación do mes de febreiro e que dende ese momento comezouse a traballar coas entidades asociativas de ambos sectores para que foran consensuadas con eles. Deste xeito, o sector disporá dunhas bases claras e transparentes, para acceder a estas axudas.

Estas axudas poderán ser destinadas á comercialización e valorización das producións agrarias e pesqueiras; á formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de actividades como a investigación e innovación tecnolóxica; á posta en uso das novas tecnoloxías, das enerxías renovables e do aforro enerxético; ás actuacións para mellorar a calidade dos produtos; aos investimentos para mellorar os servizos prestados polas cooperativas, asociacións, confrarías, etc.; aos investimentos para construcións, equipamentos, instalacións, reparacións en edificios; e a adquisición de equipos e sistemas informáticos, mobiliario e calquera outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos prestados polos beneficiarios aos seus socios.

A Presidenta da Deputación recordou a importancia do sector agro-gandeiro na nosa provincia que representa un valor económico de máis de 500 millóns de euros dando emprego a más de nove mil persoas.

No caso do sector pesqueiro-marisqueiro, a provincia de Pontevedra ten o 45 por cento da frota galega, con máis de dous mil barcos, e supón o 34,4 por cento do valor da venda de pesca fresca de toda Galicia. O sector ten un valor económico na provincia, en primeira venda de máis de 157 millóns de euros, e da emprego a máis de 13.000 persoas.

Por último, Carmela Silva subliñou que a liña de axudas coas cooperativas agropecuarias xa está acordada con elas e que as bases poderán ser aprobadas en quince días. No caso das confrarías e asociacións pesqueiras está en proceso de consulta interno do propio sector.

22 de abril de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.