A Deputación de Pontevedra convida á cidadanía a asistir á xornada de sensibilización sobre a situación dos refuxiados en Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Este venres, 29 de abril, ás 9:00 horas, o Museo de Pontevedra acolle a xornada “Na procura de refuxio”, que ten por obxectivo concienciar a cidadanía sobre os riscos que comporta fuxir da guerra e a dramática situación que viven diariamente os refuxiados.

A Deputación considera fundamental a sensibilización e implicación da poboación ante a maior crise humanitaria acontecida desde a Segunda Guerra Mundial. En palabras da presidenta, Carmela Silva: “fronte a esta situación temos a obriga ética e moral de non mirar para outro lado”.

Así pois, a participación de todos os homes, mulleres, organizacións e entidades, en actuacións coma a que aquí se presenta, é decisiva para que as institucións europeas adopten medidas reais que asuman a acollida dos refuxiados, que se contan por miles.

Ao longo da mañá exporanse as experiencias de profesionais, voluntarios e organizacións que visitaron a zona. Estas experiencias organízanse en tres bloques temáticos: o primeiro deles centrado no traballo que desempeñan as ONG no terreo, o segundo enfocado no labor que realizan os voluntarios e as voluntarias nas zonas afectadas e o terceiro aborda o papel dos medios de comunicación na cobertura mediática do conflito.

A programación comezará ás 9:00 horas, da man da asociación Ecos do Sur, seguida de Médicos sen Fronteiras e UNICEF. Tras un descanso comezará o coloquio “Galegos e galegas implicados na solidariedade” e, a continuación, terá lugar unha mesa redonda sobre a cobertura mediática do conflito e as novas ferramentas de comunicación.

A xornada pechará, ás 13:30 horas, coa presentación da exposición “Exodus: o drama dos refuxiados en Europa”, cuxa inauguración será o día anterior, o xoves 28, ás 18:30 h na entrada do Pazo provincial, e estará exposta ata o 31 de maio. Nela exhibiranse os traballos de Felipe Carnotto e Adrián Irago, fotoxornalistas que cubriron o camiño dos refuxiados polos Balcáns e Lesbos, achegando a crise migratoria desde unha perspectiva documental.

Entre os participantes na xornada destacan Natalia Fernández, directora de Vigo al minuto; Javier Losada, gardacostas desprazado ao mar Exeo; Isabel Juncal e Celia López, voluntarias desprazadas a Lesbos; José Luis Barreiro, da asociación Entreculturas; Héctor Ortega, licenciado en Dereito e cun posgrao en Seguridade Internacional; ou Peter Punk, membro de Pallasos en Rebeldía e desprazado a Indomeni, entre outros.

A asistencia ao evento é libre e gratuíta. A Deputación de Pontevedra invita a todos os pontevedreses e pontevedresas a asistir ás xornadas, pois o compromiso de cada un de nós é fundamental para pór freo a esta situación, que xa se cobrou a vida de preto de 3.000 persoas no mar Exeo e propiciou a saída de 1,2 millóns de cidadáns do seu país.

26 de abril de 2016 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.