A Deputación da Coruña trázase como obxectivo a plena implantación da administración electrónica nos concellos
A Deputación da Coruña licita por 1,2 millóns de euros a ampliación de servizos e instalacións do Sistema Integrado de Xestión Municipal AL-SIGM nos próximos dous anos, co que pretende “intensificar o esforzo para lograr a plena implantación da administración electrónica na Deputación e nos concellos da provincia”, segundo explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.
González Formoso lembrou que a Deputación ven traballando dende hai tempo neste ámbito, “o que nos permite marcarnos agora este ambicioso obxectivo de lograr na provincia da Coruña unha administración íntegramente electrónica, con cero papel e interconectada”, en consonacia coas esixencias da lexislación, o que permitirá “dotar de máis axilidade, accesibilidade e control aos procesos administrativos, beneficiando tanto ao cidadán como aos propios concellos, aos que aopiamos neste proceso de cambio tecnolóxico”
A través da plataforma AL-SIGM, os concellos realizan a xestión integral do procedemento administrativo dun expediente. Ademais, a través das 85 sedes electrónicas municipais impulsadas pola Deputación na provincia, os cidadáns poden realizar telemáticamente dende o seu domicilio xestións administrativas cotiáns como a solicitude dun volante de empadroamento, dunha subvención ou dunha licenza, así como recibir información do estado do proceso do expediente e notificacións do resultado das súas xestións. Tamén están en funcionamento un total de 85 portais de transparencia municipais.
O ano pasado, os concellos da provincia da Coruña aos que da soporte a Deputación tramitaron mais de 70.000 expedientes de xeito dixital, aos que hai que sumar os mais de 10.000 correspondentes á Deputación, que tramita xa exclusivamente por vía telemática programas de gran importancia como os plans de investimentos destinados aos concellos da provincia (POS, PAS, PAI…) ou os programas de subvencións para actividades culturais, deportivas, económicas, etc., destinados a entidades e municipios, o que permite reducir notablemente os tempos de tramitación e contratación, aforrando tempo e cartos aos solicitantes.
Con esta ampliación de servizos, a Deputación pretende extender e incorporar novos procedementos, como a posta en funcionamento en todas as entidades locais da provincia da dixitalización de documentos e a sinatura electrónica, a extensión do sistema de notificacións electrónicas e do Sistema Integrado de xestión de Rexistros (SIR), que funciona a modo de “portelo único” electrónico, permitindo a interconexión dos rexistros das diferentes administracións.











