publicidade hoxe

A Deputación da Coruña solucionará os problemas de seguridade da estrada provincial que une os concellos de Valdoviño e Cerdido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCerdidoValdoviño
A-
A+

Continuando coa súa rolda de visitas as municipios da provincia, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional aos concellos de Valdoviño e Moeche.

González Formoso recalou en primeiro lugar no Concello de Valdoviño, onde foi recibido no salón de plenos polo alcalde, Alberto González, e por membros da corporación municipal.

Na súa intervención ante os membros do pleno, o presidente destacou a “vocación de servizo aos concellos” da institución provincial, “especialmente cos pequenos e medianos concellos da provincia, os de menos de 20.000 habitantes”, que son os que contan con menos recursos humanos, económicos e materiais para atender as necesidades da veciñanza.

Neste sentido, destacou que a Deputación está a implementar diversos plans que afondan “na asignación de recursos con criterios obxectivos, que foron aprobados por unanimidade de todas as forzas políticas representadas na corporación provincial”, para que as achegas que perciben os 93 concellos coruñeses “non dependan de cores ou afinidades políticas”.

Segundo subliñou González Formoso, Valdoviño percibiu a través dos plans provinciais aprobados ata o momento (POS, PAS e PAI) 765.689 euros, que sirven para financiar numerosas infraestruturas e servizos municipais que axudan a mellorar a calidade de vida dos veciños. En conxunto, os muncipios de Ferrolterra e Ortegal perciben a través destes programas mais de 14 millóns de euros.

Novo Plan de Emprego

Ademais anunciou que o goberno provincial ultima a preparación de novos plans de apoio aos municipios, que tamén estarán baseados en criterios obxectivos. Entre eles, destacou dous que se presentarán dentro de moi pouco: o Plan de Emprego provincial, dotado dun orzamento de 7 millóns de euros que multiplicará por seis os recursos que a institución destinaba ata este momento á creación de emprego, “o que amosa con feitos que entedemos que esta é a principal preocupación da cidadanía e para o noso goberno é unha prioridade absoluta”.

Segundo avanzou o presidente, este novo plan integrará as numerosas accións de fomento do emprego coas que conta a institución e incorporará novedosas liñas como o apoio a proxectos emprendedores e basearase tamén, por vez primeira, en criterios obxectivos como o número de parados de cada municipio, o que fará que “o municipio que menos importe económico reciba, percibirá o dobre que co sistema anterior”, avanzou González Formoso, que subliñou tamén que pronto se convocará aos alcaldes da provincia para darlles as coñecer as bases do programa.

Formoso apuntou tamén que a Deputación xa ten moi avanzado o Plan de Medioambiente, que permitirá aos municipios como Valdoviño atender cuestións que van dende o saneamento e abastecemento de auga, ata melloras de alumeado público, adquisición ou renovación de contenedores de lixo ou contratación de persoal para labores de limpeza e desbroce.

Outros plans destinados os concellos nos que traballa a Deputación servirán para financiar accións de recuperación do patrimonio histórico-artístico dos municipios, para a mellora de instalacións deportivas e para apoiar ás entidades que traballan no ámbito social.

Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño agaradeceu ao presidente “o seu interese por coñecer de forma directa os problemas do noso concello” e a “cercanía” da institución provincial aos municipios.

Melloras na estrada Valdoviño-Cerdido

Tras a recepción no Concello, Valentín González Formoso e Alberto González visitaron a estrada provincial DP2502, que une os concellos de Valdoviño e Cerdido, e na que o goberno local solicita melloras.

En concreto, ambos visitaron os primeiros quilómetros da estrada, onde se ubica o CPI de Atios, no que cursan estudos uns 500 rapaces do municipio. Alí o alcalde solicitou “solucións de mobilidade e melloras na seguridade vial”, xa que os autobuses escolares non teñen espazo suficiente para aparcar nin dispoñen de visibilidade adecuada para manobrar.

Tras visitar o centro escolar, acompañados do director do mesmo, o alcalde e o presidente percorreron en coche os seguintes quilómetros da estrada DP 2502, que se estreita notablemente a partir do terceiro quilómetro, polo que a Deputación estudará unha posible ampliación da plataforma, de xeito que permita a mellora das condicións de seguridade na zona.

“Este é un tema que preocupa ao alcalde e aos veciños, debido á escasa anchura do vial que leva ademais a un centro de produción importante, con máis de 100 traballadores, que é o núcleo de xeración de emprego mais importante do Concello de Valdoviño, polo que ten o compromiso da Deputación de que imos a tratar de arranxar estes problemas no menor tempo posible”, afirmou González Formoso.

O presidente provincial comprometeu o apoio da Deputación para solucionar ambos problemas e afirmou que os enxeñeiros do departamento de Vías e Obras visitarán a zona nos vindeiros días para buscar a mellor solución técnica que permita mellorar a seguridade dos alumnos do CPI de Atios e que elaborarán un proxecto para a ampliación da estrada.

González Formoso coñeceu tamén en Valdoviño a cooperativa de Vilaboa, que traballa no ámbito forestal, na xestión de crédito, e conta con servicios como un supermercado, un almacén agrícola e unha nova gasolineira, que está xa case lista para entrar en funcionamento e subliñou “o gran servizo” que este tipo de iniciativas dan aos veciños no ámbito rural.

Visita a Moeche

O presidente provincial visitou tamén o Concello de Moeche, onde foi recibido pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e membros do goberno municipal, cos que se reuniu durante máis de unha hora para coñecer as súas demandas e necesidades.

Ao remate da reunión, Formoso destacou “o gran potencial” vinculado ao sector primario e á transformación do municipio e afirmou que Moeche seguirá contando co apoio da Deputación para a mellora dos seus servizos e infraestruturas. A través dos distintos plans provinciais, o municipio percibiu nos últimos meses mais de 395.000 euros.

Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu a que a visita subliñando que “non é habitual que nos visite o presidente da Deputación” e afirmou que González Formoso,na súa condición de alcalde de As Pontes, “é bó coñecedor da nosa realidade municipal”.

Bascoy solicitou apoio da Deputación para a mellora do vial provincial que discorre polo tramo urbano do muncipio, e que conecta os núcleos de San Ramón e Balocos, dotándoo de aglomerado e accesos peonís, así como apoio ao recinto feiral e ao castelo de Moeche “Dous puntos cunha potencialidade enorme para o noso concello”, afirmou.

A Deputación avanza na mellora do vial de Ares a Chanteiro

A Deputación da Coruña avanza tamén na ampliación e mellora do vial de Ares a Chanteiro coa adxudicación das obras á empresa Construcciones J. Mauri e Hijos S. L. cun orzamento de 773.846,60 €, que ven de asinarse nas últimas horas.

O prazo de execución das obras será de doce meses unha vez resolto o procedemento aberto que avanza na súa tramitación para resolver unha demanda que a veciñanza reclama desde hai máis de dez anos.

7 de abril de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.