A Deputación da Coruña impulsa obras na comarca de Santiago cunha achega de máis de 250.000 euros
Os concellos de Rois, Touro e Vedra son os beneficiarios de tres convenios de colaboración que a Deputación da Coruña aprobou no pasado pleno e están a ser asinados estes días polos respectivos alcaldes co deputado responsábel da Área de cooperación cos Concellos, Xosé Regueira Varela.
A mellora das aldeas de Rois é o obxecto dos dous convenios asinados este venres na sede da Deputación da Coruña. A colaboración establécese para o arranxo de interiores nas aldeas de Cornes, Fontedelo, Fufelo, Vilar de Castro e Figueroa a través de dous convenios que veñen de asinar o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens co deputado da área de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira Varela, cunha achega que ascende a 140.000 €.
Para o arranxo de interiores da aldea de Cornes, o convenio establece un financiamento por parte da Deputación da Coruña de 66,387,97€ do total de orzamento da obra que ascende a 83.9333,36€. No convenio que contempla o arranxo de interiores nas aldeas de Fontedelo, Fufelo, Vilar de Castro e Figueroa, a Deputación fai unha achega de 73,612, 03€ dun orzamento de 93,066,64€. En ambos casos, a obra finánciase cun 79,09% do total da contrata. O enxeñeiro de Camiños, Gilberto Rodríguez é o encargado da elaboración do proxecto técnico de execución das obras destes convenios que teñen vixencia até o vindeiro 1 de novembro de 2017.
O deputado nacionalista Xosé Regueira asinou tamén este venres outro convenio referido á comarca de Santiago. Neste caso, foi co alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido Barreiro e o obxecto do acordo é o financiamento da obra de reposición de tubaxe de abastecemento en Andeade, Cornado, Touro e outros. A Deputación achega con este fin 89.600 € dun total do orzamento de 112.000 €.
A vindeira semana asinarase o terceiro dos convenios que afectan á comarca de Santiago que foron aprobados no pasado pleno da Deputación. Será co alcalde do Concello de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, o vindeiro día 15 para a mellora e acondicionamento de local social en San Mamede de Ribadulla para a que a Deputación achegará 36.000 € dun orzamento total de 45.000.











