A Deputación da Coruña destina un millón de euros para investimentos de promoción económica nos concellos
A Deputación da Coruña destina 999.918,25 euros a financiar investimentos de promoción económica nos concellos e entidades locais da provincia durante o ano 2016. A resolución da concesión provisional das subvencións pode consultarse íntegramente no Boletín Oficial da Provincia do pasado 20 de abril.
Cuestións como adquisición de novos equipos informáticos para os concellos, acondicionamento de camiños rurais, parques infantís e biosaudables, proxectos de mellora do alumeado público e da eficiencia enerxética de instalacións municipais, ou creación de páxinas web e dixitalización de arquivos son algúns dos 95 proxectos que a área de Promoción Económica da Deputación, dirixida polo deputado provincial José Luis García, subvencionará nos concellos coruñeses e entidades supramunicipais como a Mancomunidade de municipios da comarca de Ordes e a de Serra do Barbanza.
Seis destas axudas (as dos concellos de Fisterra, Muxía, Ortigueira, Rois, Santa Comba e Vimianzo, sombreadas na listaxe) están condicionadas a achega de documentación complementaria por parte dos concellos beneficiarios da subvención.
As achegas oscilan entre os 2.995 euros que precibirá o Concello de Zas para a construción dun muro de cerramento en Baio ata os 37.960 euros cos que a Deputación subvencionará a mellora do sistema de iluminación do Centro Municipal de Emprego do Concello da Coruña.











