A Deputación da Coruña acolle un seminario para explicar o Plan Juncker de investimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Representantes da Comisión Europea e do Banco Europeo de Investimentos presentarán o Plan Juncker para relanzar o investimento, o crecemento e o emprego en Europa. Farano a mañá do xoves 5 de maio xunto con empresarios, expertos en materia financeira e líderes de opinión no ámbito económico e financeiro. Inaugurará o acto Valentín González-Formoso, Presidente da Deputación da Coruña. O seminario contará coa participación de Javier Aguilera, Director Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) .

A Comisión Juncker identificou o investimento como un dos alicerces estratéxicos para relanzar o crecemento económico e o emprego en Europa. Este Plan busca mobilizar o investimento privado, que caeu gravemente durante a crise económica, xerar crecemento e crear máis dun millón de empregos no próximos tres anos. O Plan de Investimentos para Europa céntrase na eliminación dos obstáculos para o investimento, a visibilidade e asistencia técnica aos proxectos de investimentos e o uso intelixente dos recursos financeiros. Para alcanzar estes obxectivos, o plan actúa en tres ámbitos: 1) mobilizar 315.000 millóns de euros de investimento privado en tres anos [equivalente ao 0,8% do PIB europeo anual], 2) apoiar o investimento na economía real e 3) crear unha contorna propicia ao investimento.

Dirixido a pemes e mid-caps

O Plan inclúe un Fondo Europeo de Investimentos Estratéxicos cun capital de 21.000 millóns de euros en forma de garantías europeas e capital do BEI para estimular o investimento privado. Por unha banda, o Plan prevé apoiar proxectos a longo prazo en infraestruturas estratéxicas (conexións enerxéticas transfonterizas, banda ancha, etc.), de transporte, de educación ou de I+D. Doutra banda, o Plan (en produtos financeiros como préstamos, garantías, venture capital ou quasi-equity) vai dirixido a pemes e mid-caps. O Goberno español comprometeuse a achegar 1.500 millóns de euros ao Plan Juncker a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO).

O seminario contará coa participación de Ann Westman, economista senior da Representación da Comisión Europea en España, Alberto Barragán, xefe da Oficina do Grupo Banco Europeo de Investimentos (BEI) en España e Patricio Peixoto, loan officer de sector público do Grupo Banco Europeo de Investimentos en Galicia.

O seminario espera a asistencia de máis dun centenar de empresarios e directivos de todos os sectores económicos de Galicia, en especial o industrial e tecnolóxico, así como institucións, asociacións e personalidades do mundo da innovación e o desenvolvemento. Na segunda parte da xornada intervirá Javier Aguilera, Director Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Este seminario informativo para dar a coñecer o Plan Juncker será o oitavo que se celebre en España con esta temática. Están previstos outro tres seminarios en distintas comunidades autónomas ao longo do ano. Este acto conta coa estreita colaboración do Europe Direct-A Coruña e a Deputación da Coruña.

26 de abril de 2016 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.