publicidade hoxe

A cooperación entre administracións nas novas instalacións do CIAR en Rozas senta as bases para situar a Galicia á vangarda tecnolóxica dos avións non tripulados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de Rei
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a cooperación entre as administracións nas novas instalacións do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) senta as bases para situar a Galicia á vangarda tecnolóxica dos avións non tripulados. Conde visitou as novas instalacións xunto á secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, e ao director do INTA, Ignacio Azqueta, e destacou que a modernización das instalacións de Rozas supórá un investimento conxunto de 10 millóns unha vez finalizada a compra da equipación, o que as converterá na gran baza de Galicia fronte aos seus competidores no sector dos avións non tripulados de uso civil

A primeira fase destas obras, na que se investiu algo máis do 40% do orzamento, permitíu construír unha nova plataforma e rúa de rodaxe, a rehabilitación da antiga torre de control, a construción dun hangar de 1600m2, elementos de seguridade como unha garita de control e o valado da zona, e a rehabilitación do antigo edificio para laboratorios e oficinas do CIAR, garantindo a propia actividade do centro, e dando servizo aos socios tecnolóxicos da Xunta no polo tecnolóxico e industrial, Indra e Inaer, e ao resto de pemes que traballarán con elas. “As nosas pemes van a ter acceso aos servizos deste centro”, dixo Conde, o que impulsará a súa competitividade.

Precisamente, ao redor do CIAR medrará o polo tecnolóxico de avións non tripulados impulsado pola Xunta, cun investimento público-privado de 115 millóns. O polo completará as capacidades de Rozas incorporando a fábrica de helicópteros e avións non tripulados de Inaer e Indra, un centro tecnolóxico e unha oficina de deseño e certificación, unha unidade de instrución de pilotos, un centro de control de tráfico aéreo, un novo hangar, e unha incubadora de empresas.

Os vehículos que se desenvolvan no polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas contarán co aval do CIAR, que ofrecerá os servizos necesarios para as probas, certificación e homologación. Conde defendeu que esta sinerxía entre o CIAR e o polo é a gran baza de Galicia, o que nos diferenza doutras rexións competidoras no sector. “Esa sinerxía é a principal diferenza que ten o proxecto galego”, sinalou Conde, que resaltou que “o liderado do INTA á fronte do CIAR é determinante”.

A Secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación, Carmen Vela, resaltou a colaboración entre institucións, centros de coñecemento e empresas como claves para o éxito de Rozas, destacando que o centro dará un servizo a toda a comunidade galega e a toda España. Pola súa parte, o director do INTA, Ignacio Azqueta, defendeu que este polo suporá un gran proxecto para todo o tecido industrial, e unha oportunidade para as universidades e para as institucións galegas.

“Con estas infraestruturas que visualizamos hoxe damos un gran paso cara ao proxecto que estamos a crear en Rozas, un paso máis na carreira para situar a Galicia na parrilla de saída do sector de avións non tripulados”, dixo Conde, que destacou os beneficios que Galicia obterá a partir deste proxecto, con melloras en eidos como o salvamento marítimo, a loita contra os incendios, a vixilancia das das rías ou o control de fluxos turísticos.

26 de abril de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.