A Consellería de Infraestruturas comeza as obras de mellora da rúa Marcelo Macías, en Ourense
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia hoxe as actuacións de mellora no treito da estrada OU-540 que se corresponde coa rúa Marcelo Macías, en Ourense.
Na xornada de hoxe programáronse xa accións previas á realización das actuacións de mellora, co marcado da zona de traballo se as circunstancias meteorolóxicas o permiten.
O proxecto contempla a renovación da beirarrúa da marxe dereita da vía en dirección saída, entre a rúa Progreso e a ponte sobre o río Barbaña. Trátase dos primeiros 134 metros da citada estrada autonómica, motivo polo que estes traballos son acometidos polo Goberno galego. No tramo obxecto dos traballos, ademais da substitución da beirarrúa, executarase unha nova rede de saneamento e renovarase a de abastecemento, coa colaboración do concello.
A Xunta de Galicia, coa realización destas actuacións, proporcionará aos veciños de Ourense unha infraestrutura viaria máis cómoda, mellorando a súa calidade de vida e potenciando así o desenvolvemento económico e social deste concello.
No seguinte plano amósase o treito no que a Axencia Galega de Infraestrutura levará a cabo as citadas melloras.











