publicidade hoxe

A Consellería de Educación analizará o proxecto de mellora integral do CEIP Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVedra
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo onte unha reunión co alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e co director do CEIP Ortigueira de Santa Cruz de Ribadulla, Jaime Furelos, na que analizaron un proxecto de mellora integral do dito colexio elaborado pola propia comunidade educativa do centro.

Durante o transcurso do encontro, ao que tamén asistiron o arquitecto autor do proxecto e un profesor, os responsables da iniciativa presentáronlle ao conselleiro os eixos sobre os que pivotará este innovador e pioneiro plan. Trátase, en definitiva, de adaptar os espazos deste centro centenario ao sistema educativo do século actual.

Cómpre destacar que, nesta experiencia participa toda a comunidade escolar do centro, o que incentiva o traballo colaborativo dentro da escola e favorece o clima de convivencia. En concreto, no curso actual hai 77 alumnos e alumnas dispostas a participar no futuro arquitectónico do seu colexio, unha iniciativa a través da cal se fomenta a adquisición de valores e de novas competencias por parte do alumnado, tendo en conta que a arquitectura é unha ferramenta máis para educar.

Pola súa banda, o conselleiro comprometeuse a estudar este traballo, proxectado a longo prazo ao tratarse dun plan elaborado e acordado por toda a comunidade educativa para dar resposta aos desafíos das vindeiras décadas.

Mellora no saneamento do CPI de Vedra

Así mesmo, Román Rodríguez e mais o alcalde tamén estudaron posibles actuacións a levar a cabo no CPI de Vedra, enmarcadas dentro da estratexia de cooperación conxunta entre ambas as dúas institucións para mellorar as infraestruturas dos centros do municipio. Deste xeito, o titular do departamento educativo da Xunta explicou que se acometerá unha mellora no saneamento do dito colexio.

12 de abril de 2016 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.