A comisión antiviolencia sanciona con 6.000 euros a ultras que participaron en pelexas antes do Celta-Betis e do Ferrol-Compostela
A comisión estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte propuxo unha sanción de 6.000 euros e a prohibición de acceso aos recintos deportivos por dous anos a cada un dos 34 ultras que participaron nunha pelexa multitudinaria polas rúas de Vigo antes do Celta-Betis.
Na liorta acontecida nas inmediacións de Balaídos nas horas previas ao encontro da Liga BBVA do pasado 16 de abril lanzáronse diversos obxectos contundentes como cadeiras e mesas, entre outras cousas, e os radicais provocaron a alteración da seguridade cidadá, denuncia antiviolencia.
No mesmo partido, multou con 3.001 euros e sancionou coa prohibición de acceso aos recintos deportivos por seis meses a un afeccionado do conxunto local que usou un punteiro láser dende unha das bancadas contra algúns xogadores.
Ademais, antiviolencia propuxo a mesma sanción -6.000 euros e prohibición de acceso dous anos- a cada un dos 32 ultras que participaron nunha liorta antes do inicio do Ferrol-Compostela e no exterior do estadio, na que se golpearon con violencia dándose puñazos e patadas, lanzándose ademais pedras, botellos de cervexa, bengalas acendidas e paus entre eles e posteriormente contra os axentes policiais.











