A CIG alerta de que no naval de Vigo hai 400 traballadores menos que en 2015
A CIG, acompañada de empregados de estaleiros, reuniuse este luns cos grupos do Parlamento galego para trasladar a súa preocupación polo sector naval da ría de Vigo, posto que “está peor que hai un ano”, con “400 traballadores menos” en comparación coas cifras de 2015, mentres que “o futuro que queda para 2016 é bastante negro”.
En declaracións aos medios, o secretario da federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouza, advertiu de que esta situación pode levar a que na ría de Vigo “a finais de verán” haxa “menos de 1.000 postos de traballo”, tanto “directos como indirectos”, cando hai uns anos eran máis de 10.000.
Respecto diso, lamentou a situación dos dous estaleiros que “podían xerar máis postos de traballo”, pois en Vulcano “practicamente non hai ningunha contratación”, a pesar de que “a Xunta anuncia que hai contactos con algúns armadores, pero non hai ningunha carga de traballo”; mentres que en Barreiras “está a piques de entregarse o flotel de Pemex” e entón “haberá sobre 300 ou 400 traballadores que se irán á rúa”.
Por iso, a CIG reclama á Xunta que “ten que implicarse” e “participar nos consellos de administración destes dous estaleiros” nos que investiu diñeiro público, nun sector que “aos poucos está a desaparecer”.
PEQUENOS ESTALEIROS E FONDO DE COMPENSACIÓN
Tamén se referiu á situación de Metalships en Vigo, que “aínda que o compraron os chineses, leva máis de dous anos sen ningún tipo de contratación”.
Por iso, “os que sosteñen un pouco o emprego na ría de Vigo nestes momentos son os tres pequenos: Freire, Armón e Cardama”, que “están a trasladar que por parte da Xunta non hai ningún tipo de axuda” para que “estes estaleiros non volvan ter os problemas que tiveron”.
Así mesmo, reflexionou sobre como os traballadores do naval foron os “máis agraviados” polos problemas relacionados co ‘tax lease’ nos últimos anos, pois supuxeron unha perda de máis de 8.000 empregos.
Sobre este extremo, a CIG reclama aos grupos que presenten iniciativas para demandar á Administración un fondo de compensación para que todos os traballadores que entre 2008 e 2015 sufriron algún ERE ou despedimentos, co fin de que á hora de que se xubilen non teñan ningún tipo de perda”.











