A área de Cultura da Deputación da Coruña bota a andar un programa de exposicións itinerantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Fotografía, gravado, pintura, escultura e cómic son as propostas das exposicións que a área de Cultura da Deputación da Coruña ofrece aos distintos concellos da provincia na súa nova programación itinerante.

Co obxecto de promocionar a arte contemporánea e achegar a toda a poboación algunhas das propostas creativas dos nosos tempos, a área de Cultura da Deputación da Coruña inicia o seu programa de exposicións itinerantes que levará a distintos concellos da provincia as mostras creadas coas coleccións que resultaron gañadoras dos premios Luís Ksado de fotografía, Jesús Núñez de arte gráfica, Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas ou Castelao de Banda Deseñada ademais da mostra de Fotoxornalismo.

O programa desenvolverase ao longo dos vindeiros meses en que a Deputación pon ao dispor dos concellos unha serie de mostras itinerantes que se acompañarán de material gráfico, catálogo, dípticos ilustrativos e carteis dirixidas a escolares e a poboación en xeral. “Trátase de facer que as exposicións que nacen das distintas convocatorias da Deputación se difundan e se acheguen á totalidade da poboación e contribúan a difundir a obra de autores e autoras que atopan na distribución algúns dos principais atrancos para a súa creación”, sinala a responsábel da área, Goretti Sanmartín que confía no carácter de “difusión e didáctico” para o achegamento da poboación ás novas linguaxes artísticas.

No ámbito da fotografía, a proposta da Deputación inclúe a colección “O vo do midgie” de Bandia Ribeira Cendán, gañadora da última edición do Premio Luís Ksado da Deputación. Ademais, a mostra completarase con “Vida e morte na Franxa de Gaza” de Juan Ramón Robles González, “Quidam” de Ana Rello Fernández, “Irmá” de Noela.

Riobás Rodríguez e “Aloitadores de Sabucedo ” de Xabier Fernández, finalistas na última convocatoria do certame.

Doce pinturas, catro fotografías, dúas esculturas e un gravado compoñen as obras seleccionadas este ano polo xurado do XIV Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo que itinerarán polos distintos concellos, ofrecendo un panorama das variadas propostas da arte contemporánea.
A mostra vinculada co X Premio Castelao de Banda Deseñada levará ás salas de exposicións dos concellos a creación do ilustrador e debuxante Fernando Llorente titulada “A carreta do diaño”.

En canto á exposición de gravado, recollerán a obra gañadora e as finalistas do X Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez que recoñeceu, entre outras, as propostas da artista Alejandra Lago –que resultou gañadora- e Marta Aguirre, Karol Pomykala e David Maes como finalistas ademais de 26 artistas que integran a selección do xurado.

O programa complétase coa mostra de fotoxornalismo que convoca cada ano algúns dos instantes estelares tomados polas cámaras de profesionais da comunicación gráfica. Amador Lorenzo, Andy Pérez, Carlos Pardellas, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, José Cabalar, Marcos Míguez, Marta Capote, Mero Barral, Moncho Fuentes, Oscar Paris, Paco Rodríguez, Patricia G. Fraga, Pedro Puig, Quintana, Susy Suárez, Torrecilla, V. Casteleiro-J. Roller e Víctor Echave compoñen o cadro dun ano de actualidade a través de imaxes.

4 de abril de 2016 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.