Xunta, Obra Social La Caixa e Concello de Ferrol colaboran nun proxecto para loitar contra a pobreza infantil

Sinatura do convenio de colaboración
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, o director corporativo da área Social da Fundación Bancaria la Caixa, Marc Simón, e a directora de Área de Negocio de CaixaBank en Ferrol, María Jesús González, presentaron un proxecto para loitar contra a pobreza infantil en Ferrol. Esta colaboración concrétase no desenvolvemento conxunto de CaixaProinfancia, o programa de atención á infancia en situación de pobreza e exclusión da Obra Social la Caixa. O proxecto diríxese a familias con nenos e mozos de entre 0 e 18 anos en situación de vulnerabilidade. A presentación desta iniciativa tamén contou coa asistencia do secretario xeral técnico da Consellería de Política Social, Javier Abad e do director xeral de Inclusión, Arturo Parrado.
O conselleiro de Política Social salientou a importancia da colaboración entre administracións para que “as políticas sociais cheguen ás persoas e familias con menos recursos e máis vulnerables”. Tras enxalzar o valor da participación de entidades como La Caixa neste obxectivo común, Rey Varela salientou que desde a Xunta de Galicia “estamos a traballar con entidades sociais, concellos e deputacións para pechar máis medidas, aparte das xa existentes, que dean resposta ás necesidades das persoas que peor o están a pasar”. “Trátase de poñer en común unha nova Axenda Social”, concluíu. Dentro das medidas de maior calado que a Consellería de Política Social desenvolve neste eido destacou o aumento do 12% nos orzamentos destinados a políticas sociais para este ano 2016; o Plan contra a Desigualdade Económica, participado por varias Consellerías e con iniciativas como o tícket eléctrico, axudas para a compra de material escolar ou o programa Reconduce; así como a nova Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia 2016-2020, xa aprobada inicialmente e nestes momentos están en estudo as achegas presentadas polas entidades.
A través deste proxecto a Consellería de Política Social, a obra social la Caixa e o Concello de Ferrol identificarán e analizarán conxuntamente a distribución territorial das situacións de vulnerabilidade social e de risco de exclusión que afectan a un número considerable de menores e familias do municipio. Estas situacións requiren, máis aló da atención a necesidades puntuais, dunha formulación global de actuación que incida de forma integral na transformación e mellora da realidade da infancia e das familias. Nesta liña, definirase unha proposta de servizos conxunta que permita responder as necesidades dos e das menores e das súas familias e optimizar os recursos económicos públicos e privados que se dotan para estes efectos.
Así tamén impulsarase o traballo en rede, como mellor resposta organizativa para o desenvolvemento da acción social, aproveitando os recursos públicos e privados existentes no territorio e os proxectos de actuación de carácter innovador que poidan ser facilitados por entidades colaboradoras especializadas nos servizos e recursos contemplados en CaixaProinfancia.
Promoción socioeducativa
CaixaProinfancia busca romper a liña de transmisión da pobreza de pais a fillos e fomentar a igualdade de oportunidades. O programa diríxese á infancia en situación de pobreza económica e vulnerabilidade social, co fin de promover e apoiar o seu desenvolvemento de forma integral, favorecendo e apoiando para iso as políticas de mellora da equidade e a cohesión social.
Un dos obxectivos fundamentais de CaixaProinfancia é garantir a promoción socioeducativa do menor, entendendo que desta dependerá, en boa medida, o seu benestar futuro. Iso concrétase no desenvolvemento de cinco grandes liñas de traballo como son o reforzo educativo, a educación non formal e tempo libre, o apoio educativo familiar, a atención e terapia psicosocial e o promoción da saúde.
A Obra Social la Caixa tamén traballa para contribuír a mellorar a renda familiar, facilitando o acceso a bens básicos (alimentación, produtos de hixiene, equipamento escolar, lentes e audífonos). O proxecto despregarase noutros seis municipios galegos: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A Obra Social la Caixa destinará 500.000 euros anuais ao desenvolvemento de CaixaProinfancia en Galicia.











