Xunta e deputación da Coruña reforzan a súa colaboración para responder ás novas demandas sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Rey Varela na visita á Deputación da Coruña. Foto: M. Fuentes

Rey Varela na visita á Deputación da Coruña. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha visita institucional á Deputación da Coruña, onde foi recibido polo seu presidente, Valentín González Formoso, e os deputados provinciais que asistiron ao acto.

Ademais de asinar no Libro de Ouro da devandita institución, Rey Varela mantivo un encontro de traballo con González Formoso e a responsable provincial de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco Pouso. O titular da carteira autonómica de Política Social agradeceu este recibimento na “casa común de todos os concellos da provincia”, ao tempo que avogou pola colaboración entre institucións para “responder ás novas necesidades sociais que hai na provincia”.

Nesta liña, Rey Varela salientou a importancia de afondar no diálogo e na colaboración entre administracións, así como coas entidades, para mellorar a atención social e os servizos que reciben os cidadáns nos seus respectivos concellos a través da optimización dos recursos, porque “os servizos sociais non son nin da Xunta, nin das deputacións, nin dos concellos senón que son de todos os galegos e galegas”, apuntou.

Neste sentido, o conselleiro fixo fincapé no papel de apoio aos concellos que teñen os organismos provinciais, en especial cando se trata de concellos de menos de 20.000 habitantes, aos que proporcionan asistencia económica, técnica e xurídica na execución das súas competencias en materia de servizos sociais.

E, ao fío disto, o responsable de Política Social da Xunta avanzou que nestes momentos se está a deseñar cos concellos unha nova axenda social para dar resposta ás demandas actuais que ten a Comunidade Autónoma nesta materia. “Cómpre coordinarse entre todos, porque cando falamos de dereitos sociais o que merecen as persoas que os están a demandar é que nos poñamos de acordo as diferentes administracións”, insistiu.

Froito do diálogo e entendemento entre Xunta e Deputación, ambos dirixentes anunciaron a creación dunha comisión técnica que se encargará de estudar a posibilidade de levar adiante o proceso de cambio de titularidade de dous centros de menores de Ferrol e A Coruña que, pese a tratarse dunha competencia da administración autonómica, a xestión dos mesmos depende do organismo provincial. Ao respecto, Rey Varela manifestou a súa vontade de que, a partir de agora, se dean os pasos positivos para avanzar por fin na resolución desta cuestión que vén de anos atrás.

4 de marzo de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.