Xunta e Concello de Santiago danse como prazo abril para asinar un convenio para a intermodal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, rematou co compromiso por ambas as dúas partes de darse este mes de abril para asinar un convenio a tres bandas, xunto co Ministerio de Fomento, para a intermodal da capital galega.

Este acordo foi comunicado, á saída do encontro, que se prolongou algo máis dunha hora, e que tivo lugar na área de Goberno do Parlamento de Galicia -hai sesión plenaria- polo rexedor compostelano, en declaracións aos xornalistas. O presidente, pola súa banda, non compareceu ante os medios.

Trátase do segundo encontro entre ambos os dous dirixentes, despois do que tivo lugar no mes de xullo, no marco da rolda de contactos que mantivo o xefe do Executivo autonómico cos rexedores saídos das urnas en maio de 2015.

Así mesmo, no encontro tamén se abordaron cuestións como a política aeroportuaria, ao respecto da que Noriega mostrou a súa esperanza de lograr avances na coordinación das terminais galegas.

O rexedor compostelano, que remarcou que o diálogo foi “fluído e cordial”, resumiu as cuestións abordadas en conseguir un convenio en abril para a intermodal compostelana; a política aeroportuaria, sobre a que Noriega expresou a “tibieza” da Xunta á hora de lograr a coordinación; e a variante de acceso ao polígono do Tambre, sobre a que se indicou que se iniciaría a expropiación antes do verán.

“A reunión serviu para aclarar malos entendidos, para pedir posicións conxuntas de respecto institucional, para clarificar que máis alá das diferenzas políticas, o espazo institucional da capital é un espazo de consenso e non de disenso e para proxectar posibles colaboracións de futuro”, describiu.

INTERMODAL

Preguntado por se considera que rematarán as discrepancias con respecto á intermodal, dixo que “o compromiso” que adquiriron é, precisamente, darse este mes de abril “para intentar traballar e sacar un protocolo conxuntamente co Ministerio” de Fomento, ao que “hai que urxir” para iso.

“E se, non independentemente diso, haberá que decidir qué estratexia ten cada administración. Porque, creo que independentemente da estratexia, todas son lexítimas, na medida en que se quere unha intermodal para Santiago. Pero haberá que redefinir cál é a posición se non somos capaces en abril”, remarcou, en referencia á sinatura dun convenio entre as tres administracións.

“Imos a darnos no mes de abril un ‘stand by’ tanto a nivel de declaracións como de actitudes, ou iso espero, para poder sacar ese protocolo. E se non, que cada un xogue a súa estratexia e o seu partido”, sentenciou.

COORDINACIÓN AEROPORTUARIA

Sobre a cuestión aeroportuaria, o rexedor compostelano apuntou que se acordouse abrir unha vía de traballo” e trasladóuselle ao mandatario autonómico que “existira un esforzo de colaboración entre as cidades, singularmente a da Coruña e Santiago, que foi referendado na reunión en Madrid polo Ministerio” de Fomento e comunicoulle que se botaba “en falta” unha “posición máis proactiva da Xunta”.

“O certo é que a hemeroteca non positivizou todos os esforzos da Xunta en coordinación aeroportuaria”, indicou. “Estou convencido de que, nestes momentos, polo menos, hai unha postura respecto ao alcalde da Coruña, a el persoalmente, e ao Ministerio de Fomento, de que se non somos capaces de coordinar unha política aeroportuaria galega, corremos o risco de estar en inferioridade de condicións con respecto a outras políticas aeroportuarias, como poden ser a de Oporto,” apostilou.

Deste xeito, explicou quedou en “abrir unha vía de diálogo” e intentar “cambiar” estas “inercias”. “E eu o que vin a dicir é que aquí non había posicións localistas indiferenciadas, (senón que) había unha posición, que xa se expresou publicamente que eu non teño ganas de alimentar como é a de Vigo, e que logo había unha vontade de establecer unha política aeroportuaria e quedamos de aproveitala”, explicou.

Esta “vía” de diálogo será entre o Ministerio e os concellos. “E eu creo que ten que estar Vigo, pero un non vai a unha festa á que non quere ir, independentemente de que se lle invite, que se lle invitará.

VARIANTE DE ARADAS

En canto á variante de Aradas (entre o polígono do Tambre e conexión con Val do Dubra), Noriega recordou que se trata dun proxecto aprobado en 2013 e que dende entón figura nos presupostos, e tiña data de finalización en 2015, malia o que están sin iniciar as expropiacións.

O rexedor compostelano apuntou que se existise a variante ao polígono industrial, “sairía gañando o conxunto da cidade e os intereses empresariais”, ao evitarse o tráfico pesado.

Neste sentido, Noriega expresou o “malestar” ao presidente, non só do Concello, senón do empresariado e barrios da cidade que conviven con esas “molestias permanentes”. “O que se nos dixo é que hai un presuposto de 700.000 euros para este ano e o que se me comentou hoxe é que se iniciarían os traballos de expropiación, intentaríase, antes do verán: abril-maio”, explicou.

30 de marzo de 2016 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.