Xulio Ferreiro insta a Pedro Sánchez a “mirar á beira correcta do hemiciclo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro recomendou ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, “mirar á beira correcta do hemiciclo” para chegar a acordos de goberno coas forzas que lle tenden a man”, en relación a Podemos e as súas confluencias.

A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza na inauguración do Congreso Nacional de Estudantes de Fisioterapia, defendeu tamén o dereito de Galicia “a decidir en todo”, en alusión ao discurso da portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, sobre o dereito á autodeterminación.

Preguntado sobre se cre que as mareas deben devolver ao PSOE o apoio que recibiron na constitución das corporacións municipais, dixo que, na súa opinión, esta formación “non pensou en facer un favor”. “Nin a min nin ás mareas”, sentenciou.

“Apostaron por un goberno e un programa de cambio”, argumentou. A colación, apostilou que tamén a Marea Atlántica fixo “o mesmo” na Deputación da Coruña, co apoio ao goberno bipartito de PSOE e BNG.

Respecto diso, dixo que o fixeron porque “había vimbias para gobernar diferente na Deputación”. “Agora non sei se o interese do PSOE é gobernar na Deputación ou acabar con ela”, sinalou, sobre o acordo con Ciudadanos sobre a supresión destes organismos.

Mentres, insistiu en que, se o PSOE “quere o apoio” de Podemos e as formacións que confluíron con este partido nas xerais, debe mirar “á beira correcta do hemiciclo”. “Debería mirar á esquerda e tentar chegar a acordos con esas forzas que lle están tendendo a man”, engadiu.

DEREITO A DECIDIR DE GALICIA

Por outra banda, sobre o discurso da portavoz de En Marea e as súas alusións á autodeterminación, Ferreiro cualificou de “interesante” o seu contido. Así, defendeu que Galicia poida ter políticas “que permitan respirar un pouco”.

“O dereito a decidir en democracia é moi saudable, o dereito a decidir que economía queremos, que relacións territoriais queremos dentro Estado español”, citou, como exemplos.

Por outra banda, recalcou que “o dereito a decidir en todo estaba nas claves” do programa de En Marea. Por iso, lamentou que o discurso do seu portavoz no Congreso quede “na anécdota”. “No canto de ir ás cuestións de fondo e reais de transformación que había no discurso”, engadiu.

4 de marzo de 2016 | 12:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.