Uns trinta concellos benefícianse das axudas da Deputación da Coruña para conservatorios e escolas de música e danza
As escolas de música e danza municipais e os conservatorios de trinta concellos recibirán axudas para o mantemento nun programa ao que a Deputación da Coruña destina 360.883,64 €.
Os conservatorios de Arzúa, Culleredo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Carballo, Melide, Noia e Ribeira e as escolas municipais de música e danza de A Baña, a Capela, Abegondo, Arzúa, Brión, Cabana de Bergantiños, Carnota, Cee, Lousame, Mugardos, Muros, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Padrón, Porto do Son, Rois, Sada e Santiago de Compostela recibirán axudas da Deputación da Coruña do programa destinado aos mantemento de centros dos concellos.
O importe total do programa, que depende da área de Cultura da Deputación, ascende a 360.883,64€ sendo 20.000 a cantidade máxima concedida por concello. O obxectivo das axudas é contribuír ao fomento das ensinanzas musicais e de danza a través dos centros de carácter municipal que están a ser fundamentais á hora do achegamento formativo á cultura, en especial, de nenos e nenas. “Búscase con estas axudas contribuír á promoción do ensino musical nos concellos, verdadeiros motores da formación de carácter público”, sinalou a nacionalista Goretti Sanmartín, responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.
A resolución pola que se aproba a concesión de subvencións destinadas a concellos para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipal saíu publicada no BOP do 29 de marzo. http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2016/03/29/2016_0000002088.pdf











