publicidade hoxe

Uns 80 alumnos de criminoloxía realizan as súas prácticas na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, presentou esta mañá unha nova edición do Prácticum dos alumnos do Instituto de Criminoloxía da USC, que inclúe o estudo das pegadas dactilares, elementos balísticos, escrituras manuscritas e a detección de documentos falsificados, entre outros asuntos.

O curso práctico impartirase na Academia Galega de Seguridade Pública, Agasp, ao abeiro dun convenio asinado coa USC para contribuír ao desenvolvemento de titulacións e estudos dentro do eido policial, como é o título de Diploma Superior en Criminoloxía. Por este motivo, no acto tamén participaron o decano da Facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte, e o director do Instituto de Criminoloxía da USC, Fernando Vázquez Portomeñe.

As clases terán lugar nos laboratorios da Agasp -que contan cos últimos avances- e serán impartidas por profesionais da Policía Nacional que traballan nas brigadas de Policía Científica da Coruña e Vigo, cunha ampla experiencia e práctica neste tipo de traballos. Terán unha duración de cinco semanas –ata o 5 de abril- e contarán con 82 alumnos e alumnas do último curso do Diploma Superior en Criminoloxía.

O obxectivo desta actividade é reforzar os coñecementos teóricos adquiridos polos alumnos ao longo dos dous anos anteriores de estudo universitario –a diploma consta de tres cursos- e facilitar a adquisición de novos coñecementos en materia de policía científica e investigación policial.

Os estudos do Diploma Superior en Criminoloxía están concibidos como complementarios, e diríxense fundamentalmente aos titulados de Dereito, Psicoloxía, Medicina, Pedagoxía, ou Traballo Social que desexan encamiñar a súa traxectoria profesional cara ó ámbito criminolóxico, así como a aquelas persoas que pertenzan ás Forzas e Corpos de Seguridade ou traballen en Institucións Penitenciarias, entre outros postos.

Presentación do Vocabulario de Criminoloxía

Ademais de inaugurar o Prácticum, Luis Menor, que tamén é director da Agasp, aproveitou o acto para presentarlle aos alumnos o “Vocabulario de Criminoloxía”. A Academia adquiriu 200 exemplares deste libro, editado pola Universidade de Santiago, para repartir entre o alumnado e como fondos da biblioteca do centro estradense.

A publicación pretende recoller os conceptos básicos dos diversos ámbitos das ciencias criminolóxicas e divulgar as súas denominacións en galego, español e inglés, con preto de 2.000 significados. Na súa confección, colaboraron prestixioso profesionais na materia.

2 de marzo de 2016 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.