Unhas 150 actividades difundirán a literatura e a cultura galegas na Feira do Libro de Bos Aires
Un programa con preto de 150 actividades difundirán o sector editorial galego na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que acollerá a capital arxentina entre o 21 de abril e o 9 de maio e que terá como cidade invitada a Santiago de Compostela.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a concelleira responsable da área no Concello de Santiago, Branca Novoneyra, presentaron este martes un avance da programación para esta cita, que se basea no protagonismo do libro galego, a difusión das voces da literatura e a cultura da Comunidade e pola aposta polos formatos dialogados.
Durante a súa intervención, Román Rodríguez destacou a presenza de Santiago de Compostela na feira como unha “oportunidade histórica” para mostrar a “forza e a profesionalidade do sector do libro e das súas potencialidades” para “crecer e desenvolverse noutros mercados”, así como para a proxección do conxunto da cultura de Galicia en Arxentina e América Latina.
DIVERSIDADE DE FORMATOS
Entre as actividades que Galicia levará a Bos Aires están os coloquios sobre distintas temáticas, como a novela escrita por mulleres ou a novela negra; varias presentacións de títulos, lecturas dramatizadas, recitais poéticos, talleres de ilustración, conferencias ou encuentos con lectores e alumnos.
Ademais de distintos formatos, as actividades terán lugar en varios escenarios, como o stand de Galicia, librarías da cidade, bibliotecas, centros culturais, a Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais ou a Academia Argentina das Letras.
Co obxectivo de “favorecer a chegada de propostas galegas ao público arxentino”, distintas actividades contarán coa participación de escritores, xornalistas ou intelectuais arxentinos, como Enrique Ferrari, María Esther Vázquez, José Luis Moure, Antonio Requeni, Roberto Alifano, Lola Arias, Nelly Espiño, Alejandro Vaccaro ou Diego Golombek.
Ademais, tamén tomarán parte da programación galega institucións culturais de referencia no país, como a Academia Argentina de las Letras, a Sociedade Argentina de Escritores, o Centro PEN Arxentina e a Sociedade de Escritores de Arxentina.
EXPOSICIÓNS E CINEMA
Dentro desta programación terán cabida figuras históricas como Eduardo Blanco-Amor, Ramón María de Valle-Inclán ou Camilo José Cela, sobre as que se organizarán senllas exposicións a través da Editorial Galaxia, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Pública Camilo José Cela, respectivamente.
As propostas expositiva completaranse coa mostra ‘Santiago, cidade ilustrada’ e con ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, que levará a Bos Aires a obra do fotógrafo de Allariz.
Tamén o cinema terá o seu espazo na difusión do libro galego en Arxentina, onde se farán promoción de os títulos máis recentes de creación audiovisual galega, particularmente aquelas obras baseadas en pezas literarias, que protagonizarán un ciclo organizado polo Agadic nun centro comercial da cidade.
Entre os representantes da cultura galega en Bos Aires estarán Manuel Rivas, Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Xavier Alcalá, Teresa Moure, José Edelstein ou Jorge Mira.
NOVO MATERIAL E ENCONTROS
Este martes tamén se presentou o novo material para difundir o libro e a cultura de Galicia en Bos Aires, un video promocional dos escritores galegos que está accesible na web www.cultura.gal/librogalegobaires16.
Xunto aos autores, participarán na feira diversas editoriais, que terán ocasión de establecer contactos comerciais con axentes do sector de todo o mundo, así como asistir ás xornadas profesionais.
O stand de Galicia contará na feira cun espazo central de 200 metros cadrados, coordinado pola Xunta en colaboración co Concello de Santiago e coa Asociación Galega de Editores.











