Un grupo de profesores irrompe no Consello de Goberno da USC solicitando a convocatoria de prazas de catedrático
Un grupo de profesores acreditados que aspiran a cátedra na Universidade de Santiago de Compostela irromperon este martes na reunión do conselo de Goberno desta institución para solicitar a convocatoria inmediata de 50 prazas de catedrático.
Na mañá deste martes este colectivo acudiu ao Pazo de San Xerome para interromper momentaneamente a reunión do Consello de Goberno da USC, onde se leu un manifesto no que denuncian que o proceso leva paralizado “dende hai seis anos”.
Os afectados sinalan que a diferencia da “saída masiva de prazas” de modo paralelo á saída de titularidades de universidade noutros puntos do Estado, chegando ata 42 en Barcelona (que anunciou 30 máis para 2016), a USC “non convocou” ningunha, o que “afonda máis” nas “grandes diferenzas” de ratio de catedráticos-profesor respecto a outras institucións.
En total o número de profesores acreditados ascende a máis de 150, segundo denuncian, e o colectivo reivindica a “necesidade de promoción” e o “orgullo” e prestixio que representa o número de catedráticos para unha universidade, sobre todo en termos de representatividade en distintos estamentos nacionais e internacionais que teñan en conta esta condición.
Tamén recordaron que os acreditados a partir de xuño de 2010 non contaron cunha convocatoria de prazas vinculadas coa súa promoción, con excepción de dous en 2014 durante o mandato do reitor Casares Long. Unha situación provocada “pola restritiva taxa de reposición que agora xa non afecta ao colectivo”.
“NON SE COMUNICA CONNOSCO”
Por todo iso, solicitaron ao Consello de Goberno “que esixa á Reitoría unha planificación decidida que rompa coa obstrución existente no acceso a cátedra” e “contrarreste de forma inmediata o castigo ao colectivo”.
As demandas apuntan a unha convocatoria “dun mínimo de 50 prazas” para este ano que deberá manterse en exercicios sucesivos “ata que se normalice a situación”. A iso, engadiron que o custo real da promoción permitiría convocar sete promocións a cátedra con cada catedrático xubilado, que calculan en preto de 50 dende 2010.
Santiago Ortiz, un dos docentes presentes, criticou a actitude do reitor Juan Viaño tras lectura do texto ante as peticións dos acreditados a catedrático. “Non se comunica connosco, non tivo o detalle nin a educación de dicirnos algo, darnos algunha esperanza. Demostra a importancia que a Reitoría lle dá a este problema e en función diso teremos que seguir con accións máis contundentes”.
PRÓXIMA REUNIÓN
En todo caso, a Universidade de Santiago remite os afectados á próxima reunión convocada para o día 11 de marzo na que se atenderán as súas demandas. En declaracións aos medios, o vicerreitor de Comunicación, José Pereira, argumentou en que o Consello de Goberno, cunha orde do día xa establecido, “non parece axeitado” para articular ese debate tendo en conta que xa hai un encontro convocado co colectivo.
Pereira sinalou que as 50 prazas anuais que solicitan suporían “uns tres millóns de euros” para a USC, e que o propio Claustro en decembro avalou que a priorizen para este ano a estabilización do profesorado e a contratación de docentes “onde sexa necesario, ademais de que “na medida do posible” se poidan iniciar procesos de promoción ao longo do período 2017-2018.
Tamén quixo aclarar que a normativa en España considera a cátedra unha praza nova, e non promoción, recordando ademais que ao ser un proceso libre se poden presentar calquera aspirante do Estado. Isto obriga á USC a dotar 60.000 euros por praza de catedrático e a “priorizar”, sobre todo tras o apoio do claustro e a situación económica da institución académica, “que non é boa”.
A pesar diso, reiterou que a previsión para o ano 2017 e para 2018 é dotar recursos de persoal a promoción. O número exacto de prazas dependerá da evolución do Plan de Financiamento e do Plan de reequilibrio Financiero da USC, aínda que recoñeceu que a petición de 50 anuais “está lonxe” dos cálculos.
SITUACIÓN EN CIENCIAS DA EDUCACIÓN
A liña seguida e na liña de priorizar os recursos para dotar de profesorado, Pereira referiuse ao problema de Ciencias da Educación, onde os alumnos manteñen un encerro dende hai unha semana para reclamar esa dotación de docentes que necesita a facultade para poder impartir clases con normalidade.
O atraso na contratación de profesores asociados provocou “unha situación incómoda” para os estudantes, con docencia sen impartir, aínda que Pereira sinalou que “xa non hai ningunha materia que non se estea a impartir”. Das 24 previstas, aínda están pendentes de incorporar unhas nove prazas.
Aos alumnos uníronse os profesores da facultade e a propia decana, que protagonizaron este luns un acto de protesta xunto a alumnos de Filosofía, que tamén critican falta de docentes, no que reivindicaron ademais unha baixada de taxas ou denunciaron problemas estruturais.











