Santiago Villanueva pide a colaboración cidadá para atopar ao mozo desaparecido en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, pediu este luns a colaboración cidadá para axudar á Policía Nacional na busca de Brais Bogo Graña, o mozo de 24 anos natural de Ferrol e que estuda Bioloxía en Santiago, que permanece desaparecido dende o pasado venres.

En declaracións aos medios, Villanueva confirmou que a Policía Nacional “está a efectuar as buscas correspondentes” en relación a esta desaparición e que confía en que “o caso se resolva de forma positiva”.

Tamén recordou que familiares e amigos do mozo puxeron en marcha unha campaña de pegada de carteis por Santiago de Compostela, onde estuda e traballa, nos que se pide a calquera que o vira ou que teña algún dato que se poña en contacto coa Policía (091), a Garda Civil (062) ou chame ao número gratuíto de Emerxencias ( 112).

“Calquera persoa que o vexa, que se poña en comunicación coa Policía”, insistiu Villanueva, ao tempo que recordou que as “últimas noticias” que se teñen do mozo “son do venres pasado, e que no domicilio no que residía deixou a súa carteira e os seus efectos persoais.

21 de marzo de 2016 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.