publicidade hoxe

San Cibrao das Viñas rehabilita un parque infantil cunha subvención de Vicepresidencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández Moreiras, visitaron as obras levadas a cabo neste concello ourensán ao abeiro das axudas da Orde de infraestruturas de uso público da Vicepresidencia.

Concretamente, trátase da rehabilitación do parque infantil de Santa Cruz de Rábade. A través desta liña de subvencións, na pasada convocatoria a Xunta investiu máis de 26.000 euros para mellorar este espazo de lecer para a infancia, o que supón o 75% do investimento total cifrado en 40.000 euros. O obra consistiu na instalación de novas unidades de xogos infantís homologadas nunha zona que dotouse con pavimento amortecedor de parque infantil; a instalación de mobiliario –bancos e papeleira- ; a creación dunha zona de areeiro e a rehabilitación do peche do recinto.

O alcalde de San Cibrao das Viñas xustificou a necesidade de executar estas obras esgrimindo que o antigo parque infantil presentaba unha serie de deficiencias que eran necesarias emendar para mellorar a súa funcionalidade e adaptala á normativa vixente.

Díaz Mouteira felicitou ao rexedor pola iniciativa e salientou a importancia destas pequenas actuacións que benefician directamente aos cidadáns e que contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida, e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións. Segundo palabras da delegada territorial, grazas á orde de infraestruturas, dende a Xunta estase a apoiar aos concellos galegos para financiar infraestruturas de uso público, como instalacións deportivas, prazas, paseos, parques infantís ou dependencias municipais onde se presten servizos administrativos.

Un dos principais obxectivos destas axudas é contribuír ao reequilibrio territorial, sobre todo dos concellos máis pequenos, xa que está dirixida aos que teñen menos de 30.000 habitantes, amais de apoiar ás entidades locais no financiamento de proxectos esenciais para incentivar o asentamento de poboación no rural.

30 de marzo de 2016 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.