Rey Varela visita as instalacións da Asociación Bata de atención a persoas con trastornos do espectro autista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Rey Varela na visita ás instalacións de BATA

Rey Varela na visita ás instalacións de BATA

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe as instalacións da Asociación BATA, que desenvolve servizos e programas orientados ás persoas con T.E.A. –trastornos do espectro autista- e as súas familias e co que a Xunta de Galicia mantén un concerto de prazas. A visita forma parte da rolda de encontros que o titular da carteira autonómica está a realizar por toda a comunidade, e nesta ocasión, tamén acudiu a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez.

Rey Varela tivo a oportunidade de coñecer en primeira persoa o “importante traballo que leva a cabo a asociación en prol do desenvolvemento e da inclusión das persoas adultas con trastorno do espectro autista, dende o compromiso coa realización de plans persoais nun contexto inclusivo e de participación comunitaria”, afirmou o conselleiro.

A Xunta de Galicia mantén un concerto de prazas coa entidade, no que inviste 490.246 euros para o mantemento de máis dunha trintena de prazas, o que supón un aumento de preto de 60.000 euros con respecto ao pasado ano 2015 que repercutirá de xeito directo nas persoas de Vilagarcía de Arousa e da comarca do Salnés que reciben atención a través de BATA.

A asociación conta con varias instalacións entre as que figuran o centro ocupacional Montiño, o centro de día Abuela Esperanza, e tres vivendas tuteladas. Na actualidade, hai 18 usuarios en réxime de media pensión e 5 usuarios en réxime de internado sen fin de semana (con residencia en vivendas con apoio en Vilagarcía de Arousa).

A entidade, presidida por Fausto García, promove a inclusión sociolaboral dos usuarios das súas instalacións, o desenvolvemento de programas individualizados baseados en capacidades e a participación das familias como camiño para conseguir os obxectivos marcados. BATA tamén aposta pola formación e o crecemento profesional dos seus traballadores, a través da comunicación e coordinación entre os profesionais da asociación.

Coordinación e recursos

O titular da carteira autonómica de Política Social insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e as entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade”. Un obxectivo que “será máis doado de conseguir canta máis iniciativa privada e empresas estean dispostas a implicarse e participar activamente no mesmo”, dixo.

Esta nova etapa en políticas sociais signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como o desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano pasado. Na actualidade está en proceso o desenvolvemento desta estratexia, que abrangue seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

2 de marzo de 2016 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.