Rey Varela recibe a quince xóvenes xaponeses que visitan Galicia co programa “A xuventude no mundo”

Rey Varela na recepción aos xóvenes xaponeses. Foto: C. Paz
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela deu hoxe a benvida a Galicia a quince mozos e mozas xaponeses, procedentes da prefectura de Wakayama, que participan no programa de intercambios xuvenís “A Xuventude no mundo”. O titular da carteira autonómica desexoulles unha boa estancia, “na que poidan coñecer a cultura, a lingua e as costumes galegas”.
Os intercambios xuvenís permiten aos rapaces e rapazas participantes desenvolver habilidades, competencias e coñecementos, descubrir novas culturas, costumes e estilos de vida a través da aprendizaxe entre iguais. Ademais, grazas a este programa se consolidan valores como a solidariedade, a democracia e a amizade; facilita a concienciación intercultural e a mellora das competencias lingüísticas. Este proceso de aprendizaxe realizarase a través de métodos de educación non formal.
Galicia e Wakayama teñen dúas culturas moi diferentes pero unidas por un forte vínculo, xa que ambas comunidades son o núcleo de dous dos itinerarios de peregrinación e culturais máis importantes do mundo: o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano Kodo, recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.
O intercambio durará unha semana na que os mozos e mozas xaponeses coñecerán a cultura, a lingua e as costumes galegas, relacionaranse coa xuventude galega en distintas actividades e durante os dous últimos días do intercambio convivirán coas familias dos galegos e galegas que participaron na Prefectura de Wakayama no intercambio de ida no pasado mes de agosto.
No 2009 se estableceu un protocolo de traballo entre as dúas administracións rexionais para favorecer os lazos de unión entre as entidades xuvenís de Wakayama e Galicia. Este é o undécimo intercambio que se realiza entres estas comunidades entre os anos 2010 e 2016 e do que se beneficiaron neste período de tempo un total de 160 rapaces e rapazas.
No ano 2014 a Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016. Horizonte 2020. no que se recollen as políticas públicas en materia de xuventude desenvolvidas polas diferentes consellerías da Xunta de Galicia. Un documento que ten como un dos seus eixos prioritarios a promoción da mobilidade xuvenil a través de programas como A Xuventude no mundo, Galeuropa ou Erasmus+.











