Rey Varela estuda coa FEAFES os novos retos para acadar a plena integración das persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Rey Varela na visita ás instalacións de Alume

Rey Varela na visita ás instalacións de Alume

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá as instalacións da Asociación Lucense de Axuda ao Enfermo Mental (Alume) onde mantivo un encontro de traballo cos responsables da Federación de Asociacións de Persoas con Enfermidades Mentais (FEAFES). Alí, o responsable da área social do Goberno autonómico consolidou o compromiso da Xunta coas persoas con discapacidade e mostrou a vontade do seu departamento de “mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental”.

A implementación de novas políticas sociais para este colectivo que supón a segunda causa de discapacidade (21% do censo de persoas con discapacidade), o reto da coordinación sociosanitaria e o desenvolvemento de programas de futuro foron os puntos principais tratados na xuntanza entre o conselleiro e os representantes de FEAFES. “Vimos a planificar o estudo de novos proxectos para este ano e para anos sucesivos dentro do noso Plan Estratéxico de Atención á Discapacidade 2020”, abundou.

Rey Varela gabou o traballo da Federación de Asociacións de Persoas con Enfermidades Mentais e sinalou a importancia dos seus obxectivos que comparte coa Consellería de Política Social entre os que destacou “prestar unha atención personalizada, defender os dereitos das persoas con enfermidade mental, realizar labores de sensibilización, aumentar as posibilidades de inserción laboral e programar actividades de ocio”. Do mesmo xeito, o titular de Política Social apuntou que “a detección temperá é fundamental para que non se manteñan no tempo este tipo de discapacidades”. “A enfermidade mental ten remedio e non podemos permitir que sigan aumentando os números”, sentenciou.

Nesta liña, o conselleiro subliñou que a Xunta de Galicia traballa “en aumentar os recursos para todo o ámbito da discapacidade” e destacou “o aumento orzamentario da Consellería para este ano dun 12% que posibilita o incremento dos convenios de colaboración con entidades como FEAFES”. Precisamente, o convenio asinado anualmente con FEAFES sobe nun 13% ata acadar os 588.434 euros.

A Federación de Asociacións de Persoas con Enfermidades Mentais creouse no ano 1995 e representa a máis de 38.000 cidadáns galegos con discapacidade. Conta con centros e servizos en 30 localidades galegas. A Asociación Lucense de Axuda ao Enfermo Mental (Alume) atópase inscrita baixo o paraugas de FEAFES e conta co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre os problemas e as necesidades do colectivo de enfermos mentais e as súas familias.

8 de marzo de 2016 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.