Raquel Arias recibe a un centenar de usuarios de Aspnais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+
Raquel Arias no acto con usuarios de Aspnais

Raquel Arias no acto con usuarios de Aspnais

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, recibiu esta mañá máis de cen usuarios da Asociación de Pais e Tutores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (Aspnais), que acudiron acompañados do presidente da asociación, José Reigosa, e de persoal do centro.

Durante a recepción, que tivo lugar no edificio administrativo da Xunta, Arias puxo en valor a labor integradora da organización e gabou “o importante papel que xogan os seus usuarios, posto que son eles os que co seu traballo e esforzo contribúen a enriquecer a sociedade na que vivimos”.

A delegada tamén lles explicou aos rapaces e rapazas da asociación o funcionamento interno da Xunta e as funcións da administración autonómica, ao tempo que gabou o traballo que eles realizan nos talleres de Aspnais nos seus centros das Arieiras e da Rampa de Claudio López.

O presidente de Aspnais, pola súa parte, agradeceu en nome de todos os usuarios da asociación a recepción e o apoio que lles brinda a Xunta de Galicia ao considerar que “este tipo de actos institucionais son un medio máis para a integración e para facer visible a actividade da asociación”.

Na súa visita, os rapaces tiveron tamén a oportunidade de coñecer as diferentes dependencias do edificio administrativo da Xunta da man do persoal da delegación territorial, que os acompañou nun percorrido polas instalacións do centro e lles ofreceu información adicional acerca do funcionamento dos diferentes departamentos da Administración.

16 de marzo de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.