Protección Civil de Santiago duplicou as súas intervencións ata 600 en 2015
Protección Civil de Santiago participou durante 2015 en 599 operativos, o que supón case duplicar a cifra do ano anterior, cando foron 314, segundo recolle a memoria deste organismo, que este xoves presentou o seu responsable, Begoña del Río, xunto ao concelleiro de Medio e Convivencia, Xan Duro.
Do total das actuacións, 238 correspondéronse coa atención en eventos cunha alta concentración de persoas, como a cabalgata de Reis ou carnaval, concertos e competicións deportivas.
Outros 59 operativos tiveron que ver coa atención aos camiños de Santiago e 22 estiveron relacionadas co coidado do medio natural, onde se inclúen reténs para distribuír sal cando se producen xeadas, recollida de animais -sobre todo aves e serpes, pero tamén cans- e retirada de avesporeiros.
As 280 accións restantes foron intervencións varias, segundo explicou Del Río, en referencia a algunhas das principais intervencións, como son aquelas derivadas de accidentes de tráfico.
MAIOR ACTIVIDADE EN VERÁN E OUTONO
En total, Protección Civil, composta na actualidade por 44 voluntarios -15 máis que en 2014-, dedicou o pasado exercicio 1.901 horas a desenvolver estes labores.
Por meses, o de maior actividade foi agosto, con 109 operativos; seguido de xullo, con 98; outubro, con 92; e setembro, con 80. Segundo constata o informe, isto débese a que son os meses con maior incidencia dos incendios forestais, e tamén cando se celebran máis eventos multitudinarios e peregrinacións masivas.
CHAMADAS E HORAS DE TRABALLO
En canto ás chamadas recibidas do 112, ascenderon 1.417, a maioría (552) a causa de sinistros, 246 por incidencias con animais e 106 ocasións debido a incendios. “Non todas estas chamadas do 112 requiren finalmente a mobilización da agrupación, porque son atendidas por outros servizos”, explicou o xefe de Protección Civil.
Xunto a ela, o concelleiro Xan Duro valorou o traballo dun organismo que, formado a día de hoxe por 11 mulleres e 33 homes e cunha media de idade de 25 anos, entre todos sumaron o ano pasado 10.140 horas de traballo.











