Prosegue a busca do mozo ferrolano desaparecido en Santiago
A busca do ferrolano Brais Bogo Graña, de 24 anos, prosegue este mércores sen novidades, tras cinco días sen noticias do mozo, que foi visto por última vez o pasado venres en Santiago de Compostela, onde traballa. Este martes recibíronse varias informacións que dicían ver a Brais Bogo na zona de Vista Alegre da capital galega e mesmo noutras cidades da Comunidade aínda que, polo momento, estas pistas non deron ningún resultado.
A familia e amigos de Brais seguen repartindo carteis coa foto e datos do mozo, que empapelan xa todos os cantos de Santiago e se estenden ata Ferrol e outras localidades. A través das redes sociais tamén se están a distribuír fotos recentes do desaparecido por se alguén puidese dar algún dato sobre os seus movementos.
A última vez que se viu a Brais Bogo foi na tarde do pasado venres, día 18, en Santiago de Compostela, onde compaxina o seu traballo cos seus estudios de Bioloxía, aínda que o mozo é orixinario de Ferrol.
Dende entón, o móbil de Brais, que debía viaxar o sábado á súa cidade natal, permanece desactivado, e a súa documentación foi localizada no seu domicilio da capital galega. A familia puxo os feitos en coñecemento da Policía, que investiga todas as posibilidades.
CARTEIS
Os seus coñecidos repartiron carteis pola cidade compostelana nos que piden que se alguén sabe do seu paradoiro ou ten algunha noticia contacte coas forzas e corpos de seguridade (Garda Civil 062), (Policía Nacional 091) ou que chame o 112.
Brais Bogo mide 1,70 metros, leva o pelo curto e lentes e ía vestido cunha cazadora negra o día da súa desaparición, explicou unha amiga do mozo.











