Os voluntarios de Protección Civil de Vigo contarán cun novo furgón para mellorar o seu servizo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia celebra que os voluntarios do servizo municipal de Protección Civil e Emerxencias de Vigo poidan contar xa dende hoxe cun novo furgón para mellorar o seu servizo de atención aos cidadáns.

Responsables municipais de Protección Civil recolleron hoxe o vehículo cedido pola Dirección Xeral de Emerxencias e, tras asinar a acta de aceptación da cesión coa delegación de firma, retirárona para trasladala ata Vigo, co que os voluntarios de Protección Civil da cidade olívica xa poden contar cun novo equipamento de seguridade.

Trátase así dun vehículo furgón destinado ao transporte de persoal e equipos para tarefas de protección civil con capacidade para 9 ocupantes; terceira fila de asentos desmontable e/ou abatible; potencia mínima de 120 CV; gancho de remolque fixo tipo bola con instalación eléctrica de 13 polos; caixa de primeiros auxilios equipada con soporte para vehículo; extintor de po ABC de 6kg con soporte para vehículo; 2 lanternas de led con cargador de vehículo e cono de cor amarela e con autonomía mínima de 4 horas; ponte de luces de led con un mínimo de 44 led de forma aerodinámica con altofalantes de 100w no centro; 2 focos tipo microled en aletas dianteiras do vehículo. Mínimo de 3 led cada un; e 2 focos de led para a parrilla dianteira do vehículo mínimo de 6 led cada un.

Deste xeito faise entrega ao Concello de Vigo dun vehículo furgón que a semana pasada xa recibiron o resto das sete grandes cidades menos a olívica porque ningún representante municipal quixo acudir ao acto de entrega celebrado na Praza do Obradoiro e ao que asistiron os rexedores ou responsables dos concellos de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela.

Este novo vehículo cedido gratuitamente pola Xunta de Galicia responde a aposta decidida do Goberno galego pola mellora do equipamento e da prestación dos servizos de emerxencias porque, conscientes da importancia deste servizo para os cidadáns e pese a que non lle compete exclusivamente, a Administración autonómica decide contribuír na mellora dos servizos municipais de emerxencias.

Este equipamento súmase así aos 225 terminais de comunicacións Tetra que tamén se veñen de ceder gratuitamente ao goberno local cun custe superior aos 205.000 euros tras a adhesión voluntaria do Concello de Vigo á rede Resgal (Rede de Emerxencias de Galicia).

23 de marzo de 2016 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.