Os gobernos do cambio da Coruña, Santiago, Barcelona e Zaragoza piden ao PSOE que elixa entre Ibex35 e cidadanía

Europa Press

Os gobernos que dirixen Barcelona en Comú, Zaragoza en Común, Compostela Aberta e Marea Atlántica instaron ao PSOE a elixir “entre as instrucións do Ibex35” ou “comprometerse coa cidadanía”, nun manifesto difundido a través dos seus espazos web e co lema ‘Vontade política para un goberno de cambio”.

Nel, recalcan que os resultados das eleccións xerais “permiten iniciar unha nova etapa no Estado”, á vez que os considera “a continuidade directa” dos resultados das eleccións municipais e a chegada das mareas a algúns gobernos locais.

Por iso, sosteñen que se está “ante a oportunidade de construír un goberno polo cambio que asuma dar resposta aos retos do Estado e ás necesidades da súa xente”. “Un goberno que poida rescatar ás persoas, pondo a vida no centro das políticas públicas, acabar coa austeridade e defender a pluralidade nacional e o dereito a decidir”, remarcan.

Ademais, desde o ámbito municipalista, demandan “este cambio” para impulsar tamén “unha terceira descentralización”. “Un goberno de cambio no Estado debe promover un novo marco lexislativo para os concellos”, indican.

“VONTADE” DO PSOE

Por outra banda, apelan á “aritmética” do Congreso para defender que é posible “un goberno de coalición para o cambio”. “Esta fórmula de goberno estaría apoiada pola maioría das forzas políticas con representación parlamentaria”, engade o manifesto.

Para iso, consideran que “só falta que o PSOE teña vontade de dar o paso”. Respecto diso, sosteñen que despois das eleccións municipais e autonómicas de maio de 2015, “parecía que o PSOE entendeu o mandato do cambio”, indican sobre os gobernos con apoio de Podemos e as súas confluencias ou os das mareas con respaldo dos socialistas.

“Por que os acordos postelectorais que valeron daquela non se poden materializar agora”, pregúntanse. Aínda que afirman ser “conscientes de posibles presións internas e externas” ao PSOE, aseguran que este debe elixir “entre seguir as instrucións do Ibex35, optando por algún formato de gran coalición, ou ben comprometerse coa cidadanía para dar resposta aos retos deste país”.

Por estes motivos, instan a “escoitar o mandato do cambio emanado das urnas, aproveitar a vontade maioritaria expresada esta semana no Congreso e empezar a traballar de inmediato impulsado a experiencia que se iniciou o pasado mes de maio”.

4 de marzo de 2016 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.