O valor económico das descargas da lonxa de Burela incrementouse nun 12% no 2015
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, visitou a lonxa de Burela con nenos e nenas dos Centros de Educación de Infantil e Primaria Virxe do Carme e Vista Alegre. Alí destacou que o valor económico das descargas da lonxa de Burela acadou no 2015 preto de 74,6 millóns de euros, o que supón unha suba do 12% en relación ao ano 2014. Estas cifras correspóndense coa cantidade descargada de 24.800 toneladas de peixe e marisco.
Durante a visita, organizada por Armadores de Burela (ABSA), a conselleira destacou a importancia de iniciativas coma esta para achegar ao público infantil “o mundo do peixe e do mar a través da explicación do funcionamento das lonxas, un dos principais eixos de actividade neste eido”. Neste sentido, sinalou que a lonxa de Burela “é un dos mellores exemplos” e engadiu que o ano pasado esta rula foi unha das máis importantes polo valor económico das súas descargas, despois de Vigo e A Coruña.
En canto ás descargas de especies, a principal nesta lonxa é a pescada, con máis de 11.400 toneladas descargadas o ano pasado, por un importe 51,2 millóns de euros. De feito, case o 70% do total vendido desta especie nas rulas galegas procede das lonxas de Burela e Celeiro.
Ademais durante o acto, os nenos e nenas foron agasallados por ABSA co libro Os Bolechas comen peixe de Burela. Este tipo de accións, explicou Rosa Quintana, “axudan a transmitir aos nenos e nenas a importancia da presenza do peixe na súa dieta e tamén coñecementos sobre as distintas especies”.











