O TSXG dá a razón á Deputación de Ourense fronte á CIG no acordo sobre os traballadores da recollida de lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de dar a razón novamente á Deputación de Ourense fronte ao sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) no que atinxe ao acordo sobre os traballadores da recollida de lixo. O TSXG desestima o recurso que interpuxo a CIG e afirma que a Deputación de Ourense actuou conforme a dereito no acordo do traspaso de traballadores do servizo de recollida de lixo á que será a futura sociedade de economía mixta que se creará para a xestión dos residuos sólidos urbanos na provincia de Ourense, sociedade da que os traballadores deste servizo pasarían a depender, tendo como garantía que todos manterían o seu posto de traballo, ben na empresa ou, de darse o caso, na deputación ou nos concellos, e tamén se lles garanten as condicións de traballo recollida no convenio que se lles aplica, segundo o acordo acadado no seu día entre a Deputación de Ourense e o comité de empresa.

O TSXG considera na súa resolución xudicial, notificada o pasado 29 de febreiro, que o que se articula a través do acordo entre a Deputación de Ourense e os traballadores “é a externalización dun servizo a unha empresa mixta a constituírse e, polo tanto, unha válida actuación empresarial con respecto dos dereitos dos traballadores afectados, posto que se produce unha sucesión de empresa (cambio de titularidade dunha empresa, dun centro de traballo ou dunha unidade produtiva autónoma)”.

Entende o Alto Tribunal galego que o que se produce é “a transmisión dos contratos que unían aos traballadores coa Deputación de Ourense, que será a súa empresaria ata o momento no que teña virtualidade a empresa mixta e comece a operar”. Polo cal, o TSXG determina que non existe “ningunha discriminación, tendo en conta que os colectivos son diferentes –uns son fixos- e teñen circunstancias tamén diferentes”. Desta maneira, o tribunal determina desestimar o recurso da CIG e confirmar a sentencia ditada en data 4 de setembro de 2015, dando a razón á Deputación de Ourense.

2 de marzo de 2016 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.