O secretario xeral para o Deporte visita as obras no campo de fútbol de O Couto
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá as obras realizadas no Campo de Fútbol de O Couto, actuacións financiadas pola Secretaria Xeral para o Deporte. Na visita, o secretario xeral estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
A actuación supuxo un investimento de 133.600 euros, e consistiu no acondicionamento de espazos baixo as gradas do estadio para albergar as oficinas e dependencias das once federacións deportivas con sede en Ourense, co fin de facilitarlles instalacións máis axeitadas para o desenvolvemento do seu traballo. Habilitáronse así once recintos diferenciados, máis unha sala de xuntas para uso común e unha zona de aseos.
Estes investimentos únense aos máis de 190.000 euros destinados nos últimos cinco anos para diversas melloras do estadio de O Couto, como o acondicionamento de locais, a reparación da bancada, a impermeabilización da cuberta de tribuna ou a mellora do céspede e do sistema de rego.
Nesta mesma liña, Lete Lasa quixo destacar os compromisos do departamento autonómico de Deportes coa cidade de Ourense, como a reforma do Pavillón Anexo dos Remedios ou a futura pista de atletismo cuberta en Expourense, lembrando que é obriga da Administración autonómica poñer todos os medios posibles para a mellora as infraestruturas e os equipamentos deportivos da Comunidade Autónoma, como ferramenta ao servizo do deporte galego e do fomento do exercicio físico en todos os sectores de poboación.











