O rexedor de Compostela ve á Xunta máis interesada en provocar conflito coa estación intermodal
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ve á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, “máis interesada en provocar un conflito institucional” que en “axudar ao Concello a negociar a mellor intermodal” para a cidade. Desta forma respondeu, a preguntas dos xornalistas, ás palabras da titular do departamento, que este mércores urxiu ao Consistorio compostelán a que se pronuncie” sobre o convenio e “empece a traballar” nos accesos da estación.
“Desde o Concello estamos a negociar con Adif o que entendemos que é a mellor intermodal para Santiago. O que levamos semanas demandando é a colaboración da Xunta nese proceso de negociación”, aseverou.
Para Noriega, “a Xunta parece máis interesada en provocar un conflito institucional co Concello de Santiago, cando sabe que por parte do Concello non hai problema, que de axudar no proceso”. “Os seus motivos terá”, opinou.
Respecto diso, destacou que xa se lle escribiu unha carta á conselleira de queixa por determinadas actuacións nas últimas semanas”. “Pero bo”, lamentou, “parece máis interesada en provocar conflitividade institucional que en axudar ao Concello de Santiago a negociar a mellor intermodal”.
“NON TEN QUE SER A PORTAVOZ DA OPOSICIÓN EN SANTIAGO”
Ao seu xuízo, “nese sitio” débense “atopar todos”, e engadiu unha crítica máis á conselleira, ao advertirlle de que “o camiño non é sempre o mesmo”.
“Temos un portavoz da oposición, Agustín Hernández, que antes foi conselleiro de obras públicas, pero iso non significa que a actual conselleira teña que acabar sendo portavoz da oposición en Santiago. A actual conselleira é a conselleira. Cada quen ten que saber o posto que ocupa”, finalizou.











