publicidade hoxe

O remate administrativo de 137 parcelarias abertas suporá un novo impulso ao rural galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilasantar
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión coas xuntas locais de concentracións parecelarias

Ángeles Vázquez na reunión coas xuntas locais de concentracións parecelarias

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, reuniuse esta mañá coas xuntas locais de zona das concentracións parcelarias de Barbeito e San Vicenzo de Curtis, no concello coruñés de Vilasantar, para explicarlles os investimentos e actuacións que se levarán a cabo nesta área ao longo deste ano. Ambos proxectos forman parte dos 137 procesos de reestruturación abertos na nosa comunidade e que se pretenden rematar administrativamente nos próximos 4 anos. Isto suporá, segundo destacou a conselleira, un novo impulso para o rural galego.

Trátase do plan de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que afecta a unha superficie total de 119.003 hectáreas e conta cun orzamento de máis de 22 millóns de euros para o 2016. É a primeira vez dende hai sete anos que se fai esta aposta económica pola ordenación do territorio, fronte aos 8 millóns que, de media, se investiron nos últimos exercicios. Así, se lle da un novo impulso á reestruturación parcelaria en Galicia co obxectivo de que o 80% das zonas vivas da comunidade estean administrativamente finalizadas neste prazo de tempo, é dicir, que cheguen á firmeza do acordo.

Durante a visita, Ángeles Vázquez declarou que “a reestruturación parcelaria é fundamental para o despegue socio-económico do agro galego, posto que permite o redimensionamento das explotacións agrarias, facéndoas máis rendibles e abaratando os custes de produción, polo tanto, sendo máis competitivas no mercado”.

Ademais, entre os beneficios destes procesos está a mellora das vías de comunicación con novos camiños que contribúen a facilitar os desprazamentos dos veciños e, polo tanto, mellorar tamén a calidade de vida no rural.

Investimento de 3,4 millóns en Vilasantar

No caso das parcelarias de Vilasantar, están actualmente en fase de bases definitivas, polo que o que se lles presentou aos veciños foi o proxecto dos camiños que se pretenden levar a cabo nestes lugares.

No que se refire á zona de Barbeito, comprende unha superficie de mil hectáreas composta por 1.771 parcelas de 407 propietarios. Ata o de agora xa se levan investidos 229.387 euros en asistencias técnicas e o orzamento total para a execución de camiños ascende a 1.481.318 euros.

No caso de San Vicenzo de Curtis, a superficie afectada é de 1.112 hectáreas divididas en ata 3.666 parcelas de 469 persoas. Neste caso a previsión de investimento para a adecuación de camiños chega aos 1.561.911 euros e xa se teñen desenvolvido accións de asistencias técnicas por valor de 170.774 euros. Polo que, en total, a Consellería do Medio Rural investirá máis de 3,4 millóns de euros na ordenación do Concello de Vilasantar, segundo as estimacións iniciais.

22 de marzo de 2016 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.