O presidente da Deputación da Coruña recibe ao alcalde de Santiso
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao alcalde de Santiso, Manuel Adán, e aos concelleiros do goberno local Fernando Cortiñas, Begoña López e Sara Mato, cos que analizou os diferentes investimentos financiados polo ente provincial no municipio e as súas necesidades.
Formoso apuntou que a Deputación da Coruña inviste actualmente 455.062 euros no municipio a través do Plan de Obras e Servizos (POS) e o Plan de Acción Social (PAS), cos que se financian obras en diversos camiños municipais en lugares como Bazaron, Carballido, Pezobre, ou Casares, ou melloras nos locais sociais de Visantoña e Arcediago e destacou que o Goberno provincial aposta por seguir articulando axudas aos municipios mediante estes “plans con criterios obxectivos, que benefician, de novo, os pequenos e medianos municipios, son absolutamente transparentes na asignación de recursos, e permítenlles aos concellos decidir en que queren investir os fondos que lles corresponden”.
O presidente provincial explicou tamén a decisión do actual Goberno provincial de incrementar ata o 95% o anticipo a conta da recadación daqueles concellos que teñan delegado o cobro dos seus impostos na Deputación, como é o caso de Santiso, suporá para o concello dispor este ano de 17.216 euros máis de liquidez.
Adán presentoulle ao presidente provincial dous proxectos para a construción de sendas peonís nas estradas provinciais DP4603 e DP7901, que contribuirían a mellorar a seguridade viaria dos peóns, así como a posibilidade de obter axuda da Deputación para a potenciación e desenvolvemento do polígono industrial da localidade, de xeito que axude á xeración de emprego e a fixación de poboación na localidade.