O pleno de Lugo aproba os orzamentos de 2016 co apoio de PSOE e Lugonovo
O pleno do Concello de Lugo aprobou este xoves os presupostos de 2016, que ascenden a 90,8 millóns de euros, co voto a favor do goberno e Lugonovo, a abstención dos concelleiros de BNG, Ciudadanos e Alternativa Cidadá de Esquerdas e o voto en contra do Partido Popular.
A concelleira de Economía, Ana Prieto, defendeu que o principal eixe das contas xira en torno ao benestar social, cun 21 por cento do presupostos está destinado a políticas sociais. Ademais, prevese a posta en marcha dun plan de emprego con 1,1 millóns de euros e impulsar a actividade turística con 600.000 euros.
No que se refire a infraestruturas, inverteranse 800.000 euros na humanización da avida Infanta Elena, 250.000 nunha zona pública de baño no Miño e 2,4 en obras de saneamento. Así mesmo, o goberno local abre unha liña de 400.000 euros para presupostos participativos.
Antes da votación que deu luz verde ao presuposto, a alcaldesa, Lara Méndez, manifestou que “hoxe é un día importante para Lugo” coa aprobación destas contas e enumerou cinco eixes: inversión social, creación de emprego, impulso do turismo, presentación de proxectos para obter fondos europeos e infraestruturas e servizos públicos.
“É o primeiro exercicio presupostario deste mandato, dun novo tempo político, un presuposto de diálogo”, proclamou.
POSTURA DA OPOSICIÓN
O voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, defendeu o voto afirmativo a este presuposto para evitar o bloqueo da institución local, se ben recoñeceu carencias en materias como a organización do persoal e a mobilidade na cidade.
Ante as críticas de PP e BNG sobre estas cuestións, Rocha preguntouse “¿ que fixeran estes anos no tema de persoal”. “O goberno metendo xente pola porta de atrás e vostedes callanado a boca. Nós estamos a tratar de ter rigorosidade e que o goberno tome decisións”, abundou.
Así mesmo, anunciou que estarán vixiantes co cumprimento do acordo alcanzado co PSOE para sacar adiante as contas.
O BNG decidiu na asemblea do pasado martes absterse na votación por albergar “dúbidas” de que o goberno vaia cumprir as promesas, como “a realización de certas accións que necesitan de fondos doutras institucións”. Ademais, reprochou ao goberno local que “non é certo” que o gasto en política social represente o 21 por cento do total.
A voceiro de Ciudadanos, Olga Louzao, xustificou a abstención, “pese a haber moitos argumentos para votar en contra”, na necesidade de “deixar facer” ao goberno para evitar a parálise, se ben advertiu de que “terán que demostrar as súas intencións”.
Carlos Portomeñe, voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas, criticou a opacidade sobre o gasto social e os procesos de concesión de subvencións nominativas a sociedades anónimas. Antes de absterse na votación, recomendou ao goberno impulsar os presupostos participativos “de verdade”.
VOTO EN CONTRA
O Partido Popular foi a única formación da corporación que votou en contra do presuposto do PSOE. O voceiro, Jaime Castiñeira, utilizou un informe do interventor para cuestionar o proceso de elaboración das contas.
Ademais, ironizou “co papelón” da concelleira de Economía, ao presentar medidas como “2.000 euros para turismo, porque non se pode incluír os gastos dos museos que leva unha empresa sen contrato”. “Iso é un papelón, para medio, os 2.000 euros serán para comprar un colector, iso é un papelón”, repetiu.











